Descrición
Mestre Mateo e o seu taller. Ca. 1200. Granito
O primeiro tramo da esquerda da fachada da Porta Santa está rematado polas figuras do rei Salomón e Moisés procedentes do coro do Mestre Mateo. Ambas as figuras atoparíanse, orixinalmente, nos respectivos extremos do remate da fachada do trascoro, na cal, a modo de prefiguracións de Cristo, situaríanse, á esquerda do tímpano da Epifanía, as imaxes de Moisés, o seu irmán Aarón e Samuel; e, alén, os reis de Xudá, Saúl, David e Salomón. Un contido de similar carácter repetíase, tamén, no conxunto escultórico da fachada exterior do Pórtico da Gloria.
Salomón repite o modelo iconográfico utilizado por Mateo na fachada do Pórtico, na que facía parella, de novo, co seu pai David e na crestería interior do coro, onde se enfrontaba coa Raíña de Sabá; levantando e mostrando a palma da man dereita orlada polo manto. Pola súa banda, Moisés lembra ao seu homónimo no Pórtico.