Figura de San Francisco de Asís
Descrición
Santiago de Compostela, Atr. Vicente Flamengo, Ca. 1425.
Prata sobredorada, esmalte e pedras preciosas
O hábito franciscano, así como a súa caracterización e os atributos que porta nas súas mans, a caveira e a cruz, identifican a imaxe de San Francisco de Asís pertencente ao grupo de figuras de devoción procedentes do oratorio do arcebispo Lope de Mendoza. Así mesmo, nun oco aberto no hábito apréciase a chaga do costado e, tamén ten os estigmas nas mans e nos pés. É unha das dúas pezas do conxunto, xunto a Santo Domingo de Guzmán, atribuídas á man do prateiro italiano, activo en Compostela, Vicente Flamengo. Segundo a tradición, San Francisco peregrinaría a Compostela no ano 1214, recibindo na catedral a revelación apostólica para a expansión da Orde e fundando, a continuación, o convento compostelán no lugar de Valdedeus.