Descrición
Mestre Mateo e o seu taller. Ca. 1200. Granito
As figuras procedentes do coro pétreo do Mestre Mateo que integran a parte alta do primeiro tramo ao lado dereito da fachada de Praterías son as identificadas como os profetas Miqueas e Oseas.
O primeiro deles ocuparía o segundo posto no terceiro tramo da fachada norte do coro. Destaca pola súa actitude pensativa, recostando a súa cabeza sobre a súa man esquerda, mentres que apoia o seu brazo dereito sobre un libro atado por unha correa. Ten unha longa barba trenzada e, como outros profetas menores do conxunto, cobre a súa cabeza co “simlah”.
En canto á imaxe identificada como Oseas, pecharía o primeiro grupo de profetas menores no segundo tramo da fachada norte do coro. Cobre, igualmente a súa cabeza co “simlah” e ten un rostro expresivo, coa boca entreaberta, ollos entornados e longa barba que se entrelaza no seu remate.