Descrición
O 22 de abril de 1101 era consagrado Bispo de Santiago Diego Xelmírez, un personaxe fundamental para a catedral e, entre outras cousas, gran impulsor da construción da catedral románica e mecenas das artes. Cinco anos despois, tamén un 22 de abril, sería a data en que se colocou o mobiliario litúrxico do altar maior da catedral, un proxecto no que Xelmírez estivo particularmente implicado no seu afán por converter a Compostela nunha segunda Roma.
A reconstrución virtual hipotética realizada en 2010 baixo a dirección de M. Castiñeiras e V. Nodar resulta particularmente ilustrativa sobre a aparencia deste novo altar que permitiu, no seu momento, poñer en funcionamento a catedral románica. Tras as reixas que pechaban, salvo en determinadas horas do día, o presbiterio, e baixo un gran baldaquino, atopábanse o altar e o retro altar de prata. Alí gardábanse as pezas máis importantes do Tesouro catedralicio, entre elas, a desaparecida Cruz Compostelá, ofrenda do rei Alfonso III.
Rodeando a capela maior, o peregrino atopábase coa confessio, cun altar dedicado á Magdalena, que era, entón, o punto máis próximo ao sepulcro apostólico ao que se podía chegar e orar na catedral románica. Tempo despois, coincidindo coa cerimonia de consagración da catedral, o 21 de abril de 1211, o Mestre Mateo colocaría, sobre o altar de Xelmírez, unha imaxe pétrea de Santiago apóstolo, creando con ela, un punto de referencia e proximidade para o fiel.
Vídeo
Fotos