Descrición
Obradoiro compostelán de tradición mateana, Ca. 1250-1350. Granito con restos de policromía. Localización orixinal descoñecida na catedral.
A pasaxe da Matanza dos Inocentes aparece descrita no Evanxeo de San Mateo e tivo, tamén, amplo dsenvolvemento nos apócrifos. Posteriormente, desde os dramas litúrxicos medievais deu o salto ás artes visuais, sobre todo a partir do século XIII e dentro de ciclos adicados á Infancia de Cristo.
No curso da escavación arqueolóxica realizada na Cripta do Pórtico da Gloria no ano 2021, recuperouse unha serie de interesantes pezas en relevo dedicadas ao ciclo da Matanza dos Inocentes, de procedencia orixinal descoñecida e que foran alí reutilizadas como simples materiais construtivos.
As escenas seguen o modelo iconográfico habitual, no ámbito hispano, nos últimos séculos da Idade Media; cun evidente sentido narrativo e gusto polos detalles, recreándose na crueldade da Matanza realizada por orde do rei Herodes.
En este conxunto resulta evidente a influencia dos talleres continuadores da tradición mateana que seguiron activos na catedral nos séculos XIII e XIV, á vez que, progresivamente, foron evolucionando e incorporando elementos góticos