Os vindeiros días 25, 26 e 27 de setembro terán lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC as I Xornadas de Pratería e Acibechería compostelás: unha arte milenaria ligada ao Camiño de Santiago, organizadas mediante unha colaboración entre a Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela e o Grupo de Investigación Iacobus, da USC. Esta iniciativa está enmarcada dentro dos “Monográficos Iacobus”, cursos e seminarios que se veñen desenvolvendo en torno a diferentes temas que tratan a arte e o patrimonio cultural galegos dende múltiples perspectivas, sendo neste caso as protagonistas estas dúas artes tan relacionadas e imbricadas coa historia da cidade de Compostela dende a súa fundación. Pola súa banda, Ourives de Compostela, dentro do Plan Estratéxico da Ourivería e Acibechería de Santiago (2019), ven desenvolvendo nos últimos anos unha serie de actividades para incentivar e motivar a investigación científica en pratería e acibechería compostelás, en estreita colaboración con especialistas da Universidade.
No ciclo intervirán investigadores e colaboradores do grupo Iacobus: Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral, Diana Dúo Rámila, do Museo de Pontevedra, e os profesores Mª Dolores Barral Rivadulla, David Chao Castro, Sara Carreño López, Miriam Elena Cortés López, José Manuel García Iglesias, Laura Méndez Vergel, Juan Manuel Monterroso Montero e Ana Pérez Varela. Ademais das dez conferencias, o programa redondéase con outras actividades: as visitas guiadas ás coleccións do Museo da Catedral de Santiago, ás exposicións “O legado Ángel” no Pazo de Fonseca e “Las Edades del Hombre: Hospitalitas” en San Martiño Pinario; unha mesa-debate en colaboración coa Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago en torno ao “Pasado, presente e futuro do sector da artesanía en Santiago de Compostela” onde intervirán Enrique Fink (Ourives de Compostela), Elena Fabeiro (Artesanía de Galicia) e Mónica Cao Pereira (MOCAO Artesanía); e finalmente, unha demostración en vivo de técnicas tradicionais na praza de Mazarelos levada a cabo por ourives e acibecheiros da asociación.
Estas Xornadas pretenden ser un primeiro encontro entre a Academia e unha arte tan singular e propia da historia de Compostela, que agardamos se consolide en colaboracións e publicacións futuras que nos permitan investigar, coñecer e difundir unha arte milenaria que forma parte da identidade da nosa cidade e está estreitamente ligada co Camiño de Santiago e a cultura xacobea.
Inscrición gratuíta: xornadasdeprateria@gmail.com