Historia Pinxit
Tombo A
Ficha técnica

Autor: Scriptorium compostelán
Cronoloxía: ca. 1129-1255
Xénero/temas: iconografía xacobea, iconografía rexia
Material: tinta sobre pergamiño
Dimensións: 49,4 x 35,4 x 3,7 cm
Firma:
Restauración: 1999. Cristina Doral Brun, taller de restauración do Arquivo Histórico Universitario de Santiago.
Localización: Arquivo Catedral
Procedencia: Catedral de Santiago
Doante/persoas vinculadas: Tesoureiro Bernardo, Arcebispo Xelmírez, Arcebispo Xoán Arias

Descrición

O Tombo A compila a transcrición dun conxunto de doazóns e privilexios rexios que beneficiaron e engrandeceron a sé compostelá. Ese interese por parte da Igrexa de recompilar estes documentos débese a un agradecemento pola xenerosidade mostrada polos monarcas desde Afonso II, ao mesmo tempo que serviría de estímulo a futuras concesións.

No prólogo déixase constancia da intención do tesoureiro Bernardo de acometer este labor, ademais de datar o seu inicio no ano 1129. Foi rematado contra 1255, e alcanzou un total de 71 folios que se foron engadindo, malia que houbo interrupcións puntuais, ao longo de catro fases de execución.

Boa parte do seu valor artístico recae nas miniaturas, que representan aos protagonistas dos privilexios e doazóns narradas. As primeiras ilustracións son de grande importancia: represéntase a inventio no lado inferior dereito e os retratos de Afonso II e Ordoño I na parte superior da páxina. A representación do bispo Teodomiro no momento de confirmar o descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago e dos seus discípulos Teodoro e Atanasio xunto cun anxo turiferario no antigo mausoleo inicia o modelo iconográfico que se seguirá durante séculos. Por outra banda, os retratos dos reis serán imitados ao longo de boa parte da obra. Deste modo, os monarcas aparecen entronizados, con coxín, proxectados en altura e cos pés sobre un escabelo.

Nas dúas fases seguintes, datadas respectivamente entre 1180 e 1211-1216, destacan as miniaturas de Fernando II e Afonso VIII (IX), representados a páxina completa na súa condición de reis privativos de León e Galicia.

Na última e cuarta etapa, engádense os retratos de Fernando III e Afonso X. Ambos os dous ocupan a metade da páxina, pero prescinden do león na parte inferior.

Exposicións
  • Santiago, Camino de Europa. Santiago de Compostela, xullo – setembro de 1993.
  • Romei e Giubilei. Il pellegrinaggio medievale a San Pietro (350-1350). Roma, 21 de outubro de 1999 – 26 de febreiro de 2000.
  • Alfonso IX y su época. Pro utilitate regni mei. A Coruña, 15 de xullo – 7 de setembro, 2008.
  • Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez. Santiago de Compostela, 15 de agosto- 15 de outubro de 2010.
  • Domus Iacobi. La historia de la Catedral de Santiago, 9 de abril – 26 de xullo de 2011.
Bibliografía
  • Lucas Álvarez, M.: Tumbo A de la Catedral de Santiago. Edición y estudio. Santiago, 1998.
  • Montero Díaz, S.: “La miniatura del Tumbo A de la Catedral de Santiago”, en Boletín de la Universidad de Santiago, 17, 1933. Pp. 167-189.
  • Moralejo Álvarez, S.: “La miniatura en los Tumbos A y B” en VV.AA.: Los tumbos de Compostela. Madrid, 1985. Pp. 45-62.
  • Moralejo Álvarez, S.: “ La iconografía regia en el Reino de León (1157-1230), en II curso de cultura medieval, Aguilar de Campoo. León, 1992. Pp. 139-152.
  • Rodríguez Porto, R. M.: “El Códice Calixtino y el Tumbo A” en Enciclopedia del Románico, vol. II. A Coruña, 2013, pp.1061-1078.
  • Portela Pazos, S.: Anotaciones al Tumbo A de la Catedral de Santiago. Santiago, 1949.
  • Sicart Giménez, A.: Pintura medieval: la miniatura. Santiago, 1981.
  • Yzquierdo Perrín, R.: “La miniatura en Galicia en la Baja Edad Media”, en La miniatura y el grabado en la Baja Edad Media en los archivos españoles, 2012. Pp. 103-156.
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad