Autor: Scriptorium compostelán
Cronoloxía: Ca. 1326
Xénero/temas: iconografía xacobea
Material: Tinta sobre pergamiño
Dimensións: 46 x 32 cm
Firma:
Restauración:
Localización: Arquivo Catedral
Procedencia: Catedral de Santiago
Doante/persoas vinculadas: Arcebispo Berenguel de Landoria
Descrición
Composto por 291 folios, o Tombo B foi promovido polo arcebispo Berenguel de Landoria para recompilar documentación relativa ás súas posesións e dereitos, estando neste volume os privilexios reais e os diplomas pontificios, mentres que a de tipo particular iría ao Tombo C e as normas internas e comunitarias ao Libro de constitucións. Toda a documentación copiada é anterior á morte do arcebispo en 1330, pero existe algún caso engadido posteriormente que chega contra o ano 1421.
A súa única miniatura atópase no folio 2v. A iluminación ocupa toda a páxina, aínda que se divide en dúas escenas diferentes, ambas protagonizadas polo Apóstolo Santiago. A imaxe superior representa a Santiago entronizado, cun báculo en tau na man dereita e na esquerda un filacterio que o identifica. Atópase envolto nunha arquitectura gótica que semella un baldaquino e está acompañado, a ambos lados, polos seus discípulos Teodoro e Atanasio, identificados polas respectivas inscricións. Parece unha composición propia dun altar; a representación descrita sitúase sobre un mantel anguloso, e a imaxe do Apóstolo está inspirada na do altar maior da catedral compostelá.
Pola súa parte, a escena inferior representa a Santiago sobre un cabalo branco, suxeitando coa man esquerda as bridas e unha bandeira coa imaxe de tres vieiras mentres que coa dereita brande unha espada. No ángulo superior esquerdo aparece un rótulo que anuncia “IACOBUS. XPI MILES”. Baixo o cabalo represéntanse os corpos e as cabezas cortadas de varios soldados, que portan cascos e visten cotas de malla. Ao fondo, á dereita, disponse a torre dun castelo con ameas. Hai que entender esta imaxe no seu contexto: don Berenguel de Landoria sufriu a sublevación dos burgueses da cidade e tivo que refuxiarse no castelo da Rocha Forte. Pódese interpretar, polo tanto, coma un Santiago defensor da Igrexa compostelá, anos antes de que se desenvolvese a iconografía propia do Santiago Matamouros.
Exposicións
- Domus Iacobi. La historia de la Catedral de Santiago, 9 de abril – 26 de xullo de 2011.
- Iacobus. Santiago, 2013.
Bibliografía
- Hechos de don Berenguel de Landoria, arzopispo de Santiago. 1325. Díaz y Díaz et al. (Eds.). Santiago, 1983.
- González Balasch, Mª T. (Ed.): Tumbo B de la Catedral de Santiago. Santiago, 2004.
- Moralejo Álvarez, S.: “La miniatura de los Tumbos A y B”, en VV.AA.: Los tumbos de Compostela. Madrid, 1985.
- Sicart Giménez, A. “La iconografía de Santiago en los textos medievales”, en Il pellegrinaggio a Santiago de Compostela e la Letteratura Jacopea, Perugia, 1983. Pp. 28-30.
- Yzquierdo Peiró, R.: “Misit me Dominus. Santiago el Mayor en las colecciones artísticas de la catedral compostelana”, en Ad Limina, Revista de investigación del Camino de Santiago y las peregrinaciones. Vol. VIII. Santiago, 2017. Pp. 85-153.
- Yzquierdo Perrín, R.: “La miniatura en Galicia en la baja Edad Media”, en VV. AA.: La miniatura y el grabado de la baja Edad Media en los archivos españoles. Zaragoza, 2012. Pp. 103-156.
