Historia Pinxit
A muller adúltera
Ficha técnica
Autor: Gregorio Ferro
Cronoloxía: ca. 1792-1797
Xénero/temas:
Material: Óleo sobre lenzo
Dimensións: 316 x 488 cm
Firma:
Restauración: Arteca S. L.
Localización: Sancristía Catedral de Santiago
Procedencia: Regalo do pintor á Catedral de Santiago, 1810
Doante/persoas vinculadas:

Descrición

Unha carta datada en 1810 narra a vontade do autor de que a obra pertencese á catedral, aínda que previamente a ofrecera á Real Academia de Bellas Artes de San Carlos de México. Gregorio Ferro —un dos principais pintores que traballaron directamente para a Catedral— estudou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde inicialmente se formou no barroco; pero, tras coñecer a obra de Mengs, sumouse ao neoclasicismo, sendo este óleo un dos primeiros que realiza neste novo estilo.

Representa o momento narrado no Evanxeo de san Xoán no que Cristo lle perdoa á muller adúltera no templo, unha vez que se retiraron os fariseos (Xn 7:53-8:11). Ferro engadiu unha innovación á escena, pois amosou as letras que Xesús tería escrito no chan antes de falar, algo que dista da representación tradicional na que Cristo permanece anicado escribindo. A escena ten lugar nun templo con columnas salomónicas, cunhas escaleiras dispostas diante delas na parte esquerda, que agudizan as liñas de fuga da perspectiva frontal da obra. A composición caracterízase por unha disposición equilibrada das figuras, que xiran, xesticulan e dialogan de maneira teatral, xerando diferentes planos na escena. Ferro destaca pola calidade do seu debuxo, o que lle imprime gran serenidade e equilibrio á escena, e resalta tamén no modelado e na solidez coa que define cada grupo. Destacan no centro as figuras de Xesús, vestido cun manto azul cobalto, e da muller e o fariseo, de carmín.

Como sinalaron López Vázquez e Fernández Castiñeiras, a composición é un claro exemplo dos principios plásticos neoclásicos: un escenario delimitado polas columnas, que se abre no lado esquerdo, e no que as figuras se agrupan de maneira que poden ser estudadas de forma independente, sen necesidade de interacción explícita entre elas. Así e todo, a paleta cromática é máis vibrante e rica que nos seus traballos anteriores, o que nos fala da persistencia da proximidade co barroco italiano.

Exposicións
  • Homenaje a Pintores Compostelanos, 1981.
  • Galicia, siglo XIX. Hacia la modernidad, 1998.
  • Gregorio Ferro (1742-1812), Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, xullo – setembro de 1999; Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Madrid, outubro – novembro de 1999.
Bibliografía
  • Fernández Castiñeiras, E.: “Ferro Requeijo, G” en VV.AA. Gran Enciclopedia Gallega, T. XII. Santiago, 1974. Pp. 164-167.
  • Fernández Castiñeiras, E.: “Pintores neoclásicos compostelanos”, en Adaxe, 3, Santiago, 1987. Pp. 41-62.
  • Fernández Castiñeiras, E.: “Apuntes sobre un pintor gallego en la segunda mitad del siglo XVII: Gregorio Ferro Requeijo”, en Adaxe, 5. Santiago, 1989. Pp. 23-33.
  • Fernández Castiñeiras, E.: “Gregorio Ferro”, en VV. AA. Artistas galegos. Pintores. Ata o romanticismo. Vigo, 1999. Pp. 228-259.
  • Fernández Castiñeiras, E. e López Vázquez, J. M.: Gregorio Ferro. Pintor de Boqueixón. A Coruña, 2011.
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad