Historia Pinxit
Aparicións de Nosa Señora de Guadalupe
Ficha técnica

Autor: Juan Patricio Morlete Ruiz
Cronoloxía: Ca. 1770
Xénero/temas:
Material: Óleo sobre cobre
Dimensións: 74 x 52 cm
Firma: Ángulo inferior (Juan Patricio Morlete. Pintor. México).
Restauración:
Localización: Sala capitular. Museo Catedral.
Procedencia: Regalo do cóengo Juan Manuel de Losada
Doante/persoas vinculadas: D. Juan Manuel de Losada e Quiroga

Descrición

Trátase dun pequeno cobre asinado por Juan Patricio Morlete Ruiz, discípulo avantaxado de Miguel Cabrera. Xunto a este e a José de Ibarra, foi un dos principais referentes da plástica vicerreal do século XVIII, destacando especialmente na pintura de castas.

No reverso do marco de prata mexicana que alberga a peza, alúdese á súa calidade e a un cóengo Losada que, recentemente, se demostrou que se trataba de José Manuel Losada y Quiroga, quen ocupou diversos cargos no Cabido, entre eles, o do Voto de Granada, o que quizais poida estar relacionado coa chegada desta peza, realizada en México, arredor de 1770, sobre unha lámina de cobre que tocou a reliquia do Santuario de Guadalupe, polo citado Juan Patricio Morlete, cuxa sinatura figura nun dos ángulos inferiores do cadro.

A peza, de gran calidade pictórica, segue o modelo iconográfico frecuente no desenvolvemento do culto á Virxe de Guadalupe, sobre todo desde a súa declaración como patroa de México, a comezos do século XVIII. A imaxe da Virxe aparecida, ocupando o centro da escena, complétase coa introdución da pomba do Espírito Santo sobre a súa cabeza e cunha serie de anxos e orlas decorativas que anticipan a estética rococó. Estas orlas enmarcan medallóns nos que se representan as aparicións guadalupeñas ao indio Juan Diego entre o 9 e o 12 de 1531, identificadas mediante as súas respectivas cartelas: a primeira aparición no cerro de Tepeyac, a segunda no camiño á súa casa en Tlatilolco; o milagre das rosas recollidas en inverno; e o momento no que frei Juan de Zumárraga, bispo de México, descobre a imaxe da Virxe impresa na tilma que acollía as rosas. Aos pés de María figura a inscrición “Non fecit taliter omni nationi” (“Non fixo isto con ningunha outra nación”).

Exposicións
  • Santiago e América. Vigo, 2004.
  • Ata o confín do mundo. Diálogos entre Santiago e o mar. 27 de xullo a 30 de setembro de 2004. Museo do Mar de Galicia, Alcabre, Vigo.
Bibliografía
  • Barea Azcón, P.: “La iconografía de la Virgen de Guadalupe de México en España”, en Archivo Español de Arte, T. 80 – 218, 2007. Pp. 186-198.
  • Barea Azcón, P.: “Pintura novohispana en Galicia” en Abrente. Boletín de la Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario. 40-41. 2008-2009. Pp. 347-362.
  • González Lopo, D. L. “Devociones marianas de origen americano en Galicia”, en VV.AA.: De ida y vuelta. América y España: los caminos de la cultura. Santiago, 2007. Pp. 138-139.
  • Monterroso Montero, J. M.: La pintura barroca en Galicia, 1620-1750. Tese Doutoral, Universidade de Santiago, 1995.
  • Taín Guzmán, M.: “La cajonería barroca de la Catedral de Santiago de Compostela: muebles ebúrneos al servicio del Apóstol” en Actas del III congreso internacional de barroco iberoamericano: territorio, arte, espacio y sociedad. Sevilla, 2001. Pp. 631-640.
  • Yzquierdo Peiró, R.: Los tesoros de la catedral de Santiago, 2017. P. 238
  • Yzquierdo Peiró, R.: “El tornaviaje de una obra enigmática de los fondos catedralicios: Las Apariciones de Nuestra Señora de Guadalupe, de Juan Patricio Morlete”, en Compostellanum. Sección de Estudios Jacobeos, Vol. LXVII, 3-4, 2022. Pp.443-480.
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad