
Cronoloxía: 1542
Xénero/temas: Ascensión, Asunción
Material: Pintura ao fresco
Dimensións:
Firma:
Restauración: Atlas S. L. 2005
Localización: Museo Catedral, Capela de San Fernando
Procedencia: Ubicación orixinal
Doante/persoas vinculadas: Pedro Maldonado
Descrición
Na capela de San Fernando atópanse dous frescos que representan a Ascensión no muro occidental, fronte á porta de entrada ao antigo sagrario, e sobre este acceso a Asunción de María no lado oriental. Segundo López Ferreiro, a data de 1542 “líase pintada sobre a ventá que lle dá luz á capela”, e é Pérez Costanti quen atribúe a obra a Pedro Noble, uns dos principais pintores renacentistas do momento.
As dúas imaxes atópanse nos lunetos da capela, estando as composicións adaptadas a este marco, o que provoca que se forcen algunhas posicións ou se alonguen as anatomías de maneira moi avanzada ―como a lonxitude da perna esquerda de san Pedro―, case anunciando o manierismo.
A escena da Ascención representa a Cristo resucitado, que sube aos ceos envolto nunha nube, quedando as dúas pegadas no chan, e en presenza dos apóstolos, divididos en dous grupos encabezados por san Pedro á dereita e a Virxe María á esquerda. Santiago, que sinala a escena central, aparece representado nun lugar principal, xusto a continuación de María, que encabeza un dos grupos nos que se divide a composición e a fai simétrica.
Enfronte, a escena da Asunción, representa o momento no que a Virxe é levada ao ceo por catro anxos. Ascende sobre a súa tumba, nunha lúa sostida por dous deses anxos. A composición é semellante, con dous grupos de apóstolos que observan a escena, un encabezado por Pedro e o outro por Santiago, que porta na súa man o “libro do peregrino”.
Exposicións
Bibliografía
- García Iglesias, J. M.: “Contribución al estudio artístico de la Catedral de Santiago en el siglo XVI: La pintura”, en Cuadernos de estudios Gallegos, XXXI, 1978-1980.
- García Iglesias, J. M.: “Hacia una caracterización de la iconografía jacobea en la Galicia del siglo XVI”, en Compostellanum, XXIX, 1984.
- García Iglesias, J. M.: Santiagos de Santiago: dos apóstoles al final de camino, Santiago de Compsotela, 2011.
- Monterroso Montero, J. M.: Informe histórico previo. Murales de la Torre de Don
- Gómez Manrique y la Capilla de San Fernando, Museo Catedral. Santiago, 2005.
- Monterroso Montero, J. M. Y Fernández Castiñeiras, E.: A pintura mural nas catedrais galegas. Séculos XVI-XVIII. Santiago, 2006.
- Yzquierdo Peiró, R.: “Misit me Dominus. Santiago el Mayor en las colecciones artísticas de la catedral compostelana”, en Ad Limina, Revista de investigación del Camino de Santiago y las peregrinaciones. Vol. VIII. Santiago, 2017. Pp. 85-153.