Historia Pinxit
Colección Século XVI
Pinturas Murais da Capela de San Pedro
Ficha técnica

Autor: Atribuído a Jordán Gonçalvez
Cronoloxía: 1538 – 1540
Xénero/temas: Cátedra de san Pedro, Domine quo vadis?, iconografía xacobea, Conversión de san Pablo
Material: pintura ao fresco, medallóns en sepia
Dimensións:
Firma:
Restauración:
Localización: Capela de San Pedro ou da Azucena. Catedral de Santiago.
Procedencia: Orixinal.
Doante/persoas vinculadas: Pedro Maldonado

Descrición

En 1998 foron descubertas na capela de San Pedro unhas pinturas murais repartidas polas paredes laterais, nos arcos de medio punto cegos, na cuberta e no espazo intermedio entre estes dous últimos elementos.

Ao inicio do muro, na parte alta, aparecen representados, un enfronte do outro, san Xoán Bautista á dereita e Santiago Peregrino á esquerda. Ambos os dous se dispoñen sobre un nicho simulado e con pés descalzos. Sobre a imaxe de Santiago aparece o epígrafe: “S. IA/COBI”.

No arco oculto detrás do retablo barroco de Fernando de Casas, faise mención a san Pedro mediante a representación do Domine, Quo Vadis? Na parte inferior aparece Xesús coa cruz ás costas, disposto a entrar en Roma, mentres Pedro, de xeonllos, desprega os brazos. Na parte superior disponse a cidade eterna, na cal, a través dunha ventá, se pode ver a Pedro encarcerado.

No seguinte arco cego atópase a conversión de san Paulo, caendo do cabalo, mentres Xesús se lle aparece no ceo entre as nubes.

Pola súa parte, na cuberta represéntase a Cátedra de san Pedro. No centro, a figura do apóstolo sedente, coa barba branca, a tripla tiara, un cetro na man esquerda e a dereita en posición de bendicir. O asento parece unha arquitectura clásica. Do lado dereito, acompáñano seis prelados de pé, caracterizados con capelos e mitras diferentes, tendo maior importancia o que se localiza no segundo lugar respecto á cátedra, posto que leva coroa e cetro, polo que pode tratarse de Carlos V. Aos pés da cátedra atópase unha pequena figura orante identificada coma o doador.

Baixo esta cuberta dispóñense catro medallóns. Os que se atopan á dereita, baixo as seis figuras de eclesiásticos, representan ao arcebispo de Santiago e ao papa dese momento, Pedro Gómez Sarmiento e Paulo III respectivamente, mentres que os do outro lado serían os reis Carlos V e Isabel de Portugal.

Exposicións
Bibliografía
  • García Iglesias, J. M.: Santiagos de Santiago: dos apóstoles al final del camino, Santiago de Compostela, 2011.
  • García Iglesias, J. M., Galicia. As súas catedrais e Santiago o Maior, Santiago de Compostela, LúdicaLIBROS , 2021.
  • Monterroso Montero, J. M., “Capilla de la Azucena o de San Pedro, en VV. AA., Restauración de la Catedral de Santiago de Compostela, Madrid, Caja de Madrid, 1999.
  • Monterroso Montero, J. M., “Devoción y educación. La pintura al servicio del dogma em Galicia durane el siglo XVI (La Capilla de San Pedro de la Catedral de Santiago de Compostela”, en Costa, M. (ed.), Propaganda &Poder. Congresso Peninsular de História da Arte. 5 a 8 de Maio de 1999, Lisboa, Edições Colibri, 2001, p. 253.
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad