Historia Pinxit
Colección Séculos XVII e XVIII
Retrato do Arcebispo D. Francisco Blanco
Ficha técnica

Autor: Atr. Domingo A. de Uzal
Cronoloxía: Ca. 1720-1725
Xénero/temas:
Material: Óleo sobre lenzo
Dimensións: 188 x 146 cm
Firma:
Restauración: Museo Catedral, 2006
Localización: Sacristía, Catedral de Santiago
Procedencia: Atr. Hospital de San Roque. Santiago.
Doante/persoas vinculadas:

Descrición

D. Francisco Blanco, arcebispo de Santiago entre 1574 e 1581, fundou o Hospital de San Roque para asistir aos enfermos afectados pola peste que asolou a cidade durante o século XVI. Entre a documentación pertencente a esa institución queda constancia do encargo desta obra a Domingo de Uzal, executada entre 1720 e 1725.

Trátase dun retrato de aparato de carácter histórico, concibido para honrar a memoria do falecido e resaltar o seu legado, especialmente o seu papel na construción do hospital. Uzal adopta o encadre do retrato de status consolidado en Galicia polo seu mestre, García de Bouzas.

Representa ao prelado sentado ante o seu bufete, nunha butaca fradesca con asento e respaldo vermellos. A súa mirada diríxese cara ao espectador, mentres sostén nas mans as cartas que lle entrega un enfermo de peste axeonllado ante el. En ambos papeis pode lerse: “Yllmo. Sr. os pobres enfermos suplican a VS. Yllmo. Sr.”. Sobre a mesa, cuberta cun tapete brocado, dispóñense diversos símbolos da súa autoridade: o seu barrete, un tinteiro cunha pluma branca e un crucifixo. Ao fondo, unha cortina carmín da que pende un cordón con borlas e dúas fitas sosteñen as armas do prelado.

Desde un punto de vista técnico, a obra responde ás características de Uzal, cuxo estilo se caracteriza pola dureza do trazo e os bruscos contrastes entre luces e sombras, que apenas deixan unha mínima degradación. Este trazo acúsase dun modo especial nas carnacións, tanto dos retratos coma do Cristo crucificado da mesa. Como mostra do seu interese polos detalles ornamentais, debemos apreciar a minuciosidade das puntillas do roquete do arcebispo, do brocado do tapete sobre a mesa ou dos remaches do asento. Á hora de compoñer o espazo, eleva o punto de vista sen chegar a resolver a perspectiva, como revela o axadrezado do chan.

Por último, destaca dun modo especial o retrato do arcebispo, que se plasma de maneira idealizada en pretendido contraste coa figura do apestado, na que se mostra maior realismo a través do seu físico e a súa indumentaria.

Exposicións
  • Hospitalitas. A graza do encontro. Las Edades del Hombre. Santiago de Compostela, 13 de xuño – 30 de novembro, 2024.
Bibliografía
  • Hospitalitas. A Graza do Encontro. Las Edades del Hombre, Santiago de Compostela, Valladolid, Las Edades del Hombre. Catálogo de exposición, 2024.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad