Autor: Atr. Domingo A. de Uzal
Cronoloxía: Último terzo do século XVIII
Xénero/temas:
Material: Óleo sobre lenzo
Dimensións: 190 x 150 cm
Firma:
Restauración: Museo Catedral, 2006
Localización: Museo Catedral
Procedencia: Atr. Colexio de San Clemente. Santiago de Compostela
Descrición
Atribuído a Domingo A. de Uzal por Monterroso e Fernández Castiñeiras, por mor da súa similitude estilística co Retrato do Arcebispo Francisco Blanco. Non obstante, existen dúbidas de que puidese pertencer ao pintor que foi o seu mestre, García de Bouzas, ou a outro dos seus discípulos: Manuel Arias Varela ―dada a relación coa Batalla de Clavijo da sobreporta interior que pecha o Pórtico Real, ou na mesma escena da antesala capitular―.
Represéntase un tema de especial difusión no século XVIII: a Aparición de Santiago na Batalla de Clavijo, cando o Apóstolo acudiría en axuda das tropas de Ramiro I na disputa contra os sarracenos que, segundo a tradición, tería lugar no ano 859. Cunha composición puramente teatral, irrompe no primeiro plano un Santiago ataviado de peregrino ―traxe talar, esclavina e sombreiro de aba ancha coa cuncha no centro― arrodeado por unha amplísima capa vermella, sobre un cabalo branco. Coa man esquerda suxeita o estandarte da Orde de Santiago, mentres que coa dereita agarra a espada a modo de ataque ao mouro que se atopa na parte inferior do cadro. Ao fondo, escenas da batalla baixo un ceo de tons vermellos, con escasa definición.
Co gallo da súa restauración, no ano 2001, descubriuse unha pintura previa, na capa subxacente, coa representación do cardeal Gil Álvarez de Albornoz a cabalo en plena batalla. Este retrato ecuestre do purpurado ten especial valor, ao tratarse do único deste tipo da pintura galega do século XVIII e por coñecerse o modelo empregado polo pintor, un gravado executado no XVII por Francesco Curti.
Exposicións
- Santiago, punto de encuentro. Santiago de Compostela, 2010.
- Iacobus. Santiago de Compostela, 2013.
Bibliografía
- Couselo Bouzas, J.: Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del siglo XIX. Santiago, 1932.
- Couselo Bouzas, J.: La pintura gallega. A Coruña, 1950.
- Fernández Castiñeiras, E.: Un siglo de pintura gallega: 1750-1850. Tese doutoral. Universidade de Santiago, 1992.
- Fernández Castiñeiras, E. e Monterroso Montero, J. M.: Informe de restauración: El retrato de D. Francisco Blanco y Santiago Caballero. Inédito. Santiago, 2001.
- Monterroso Montero, J. M.: “El retrato como imagen de una sociedad”, en V e VI semanas galegas de historia: norte e sociedade no noroeste peninsular. Santiago, 1998. Pp. 397-416.
- Murguía, M.: El arte en Santiago durante el siglo XVIII y noticia de los artistas que florecieron en dicha ciudad y centuria. Madrid, 1885.
- Yzquierdo Peiró, R.: Los tesoros de la catedral de Santiago, 2017. Pp. 235-236.