Historia Pinxit
Colección Século XVI
Tríptico con escenas da Paixón
Ficha técnica

Autor: Atribuído ao Mestre Fadrique / Sixto de Frisia – Tristán de Taboada
Cronoloxía: Ca. 1527
Xénero/temas: Ciclo da Paixón
Material: Óleo sobre táboa
Dimensións:
Última cea: 28,5 x 120 x 3,2 cm
Oración na horta: 28,5 x 60 x 2,7 cm
Lavatorio: 28,5 x 57,9 x 3 cm
Firma:
Restauración:
Localización: Museo Catedral
Procedencia: Predela do retablo de San Silvestre no Antecabido, Catedral de Santiago.
Doante/persoas vinculadas:

Descrición

O tríptico atopábase na predela dun retablo lateral, no Antecabido, coa temática da Paixón de Cristo. A escena da Santa Cea estaba na parte frontal, mentres que as do Lavatorio e a Oración na Horta, de menor tamaño, se aloxaban nos laterais.

Na escena do Lavatorio, a composición céntrase na figura de Cristo, nimbado, coma o resto de personaxes representados, de xeonllos, no acto de lavar os pés a Pedro ―símbolo da súa humildade―, quen cunha man agarra as súas roupas e coa outra fai un aceno de aceptación. Complétase cunha estrutura arquitectónica cunha porta en forma de arco desde a cal dous apóstolos observan a escena desde a distancia. Estes son representados cun menor tamaño, para marcar esta separación espacial.

Na Derradeira cea os discípulos dispóñense ao longo dunha mesa, centrada por Xesús bendicindo co cáliz na man. Identificamos á súa dereita a san Pedro, caracterizado igual que nas outras imaxes que completan o tríptico. Ao lado esquerdo, san Xoán, pero no canto de representarse reclinado sobre Cristo como adoita aparecer, neste caso apoia a cabeza na mesa. Xudas aparece sentado enfronte de Cristo, rompendo a composición, sen nimbo e escondendo a bolsa de moedas. O resto dos personaxes dialogan entre si de xeito inconexo, agás Santiago o Maior, que é o único que mira directamente a Xesús.

Finalmente, na escena da Oración na horta a composición está centrada pola figura de Cristo axeonllado, orando mentres un anxo se lle aparece co cáliz, cos seus discípulos Pedro, Santiago e Xoán durmidos preto del. O feito de que se represente o anxo indica que segue a narrativa do Evanxeo de san Lucas, o único que o menciona. A través da paisaxe constrúe un espazo en perspectiva, unha característica do estilo renacentista, pero aínda con aspectos arcaizantes como a diminución dos tamaños para marcar a distancia, unha herdanza do estilo hispano-flamengo. Esta intención tamén se observa na primeira imaxe, a través da introdución da arquitectura, pero diminuíndo o tamaño dos apóstolos que observan a escena.

Durante un tempo, no século XVIII, o tríptico formou parte dun retablo que contaba co Retablo Goodyear como peza principal, e estaba coroado por un relevo de madeira policromada da Aparición da Virxe do Pilar a Santiago, atribuído a Diego Sande.

Exposicións

• Domus Iacobi. La historia de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 9 de abril – 26 de xullo de 2011.
• Iacobus. Santiago de Compostela, 2013.

Bibliografía
  • López Ferreiro, A.: Historia de la Santa M. Iglesia de Santiago, T. VIII. Santiago, 1906.
  • García Iglesias, J. M.: “Contribución al estudio artístico de la Catedral de Santiago en el siglo XVI: la pintura”, en Cuadernos de estudios gallegos, XXXI (1978-1980).
  • Rodríguez Velasco, M.: “Tipos iconográficos de la última cena y simbolismo eucarístico en las imágenes de la Edad Media”, en Revista Digital de Iconografía Medieval, vol. VIII, nº16, 2016. pp. 119-142
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad