
Autor: Manuel Arias Varela
Cronoloxía: 1780
Xénero/temas: Ciclo de Santiago
Material: Pintura ao fresco
Dimensións:
Firma:
Restauración:
Localización: Museo Catedral – antesala capitular ou biblioteca
Procedencia: Ubicación orixinal
Doante/persoas vinculadas:
Descrición
Este ciclo xacobeo, cualificado como “o broche pictórico do barroco compostelán”, atópase nos Palacios Capitulares, hoxe parte do Museo Catedral, decorando a bóveda deseñada por Lucas Ferro Caaveiro cara ao ano 1755, cando se acomete a renovación deste espazo logo do incendio de 1751. A súa autoría atribúese a Manuel Arias Varela tras constatarse un pagamento de 5000 reais no libro de contas de 1780 polo seu traballo na antesala capitular.
Trátase dunha bóveda de aresta plana que se ergue sobre unha cornixa que sostén catorce arcos de medio punto, interrompidos por catro panos triangulares nos ángulos da bóveda, para a que Arias Varela deseña un complexo programa iconográfico dedicado á Vida de Santiago, probablemente seguindo as directrices do Cabido e buscando exaltar a figura do Apóstolo como titular da Igrexa compostelá e protector da Monarquía hispánica, en consonancia coa mensaxe do tabernáculo barroco da capela maior.
Para organizar a narrativa, o autor válese da clara compartimentación da estrutura arquitectónica. Nos panos angulares represéntanse os catro Pais da Igrexa, identificados como santos escritores, en alusión á función de biblioteca deste espazo. Nos remates dos lunetos laterais, desenvólvense catorce escenas da vida e milagres de Santiago e, deixando a un lado a serenidade destas composicións, a narración culmina no ceo raso da bóveda, onde se dispoñen tres escenas que conservan unha linguaxe barroca que comezaba a ceder ante o neoclásico: a un lado, o Martirio de Santiago, ataviado de peregrino con Xerusalén de fondo; ao outro, a súa aparición na Batalla de Clavijo, cabalgando ante as tropas musulmás con espada, estandarte, sombreiro de aba ancha e esclavina; e no tondo central, a súa Coroación, de gran carga simbólica. Nesta escena represéntase un anxo coroando ao Apóstolo peregrino, que aparece en oración ante a Virxe María que o agarda en Gloria, presidida pola Trindade. Para completar o programa iconográfico, Arias Varela decorou os arcos de pechamento con motivos vexetais e florais, así como con motivos xacobeos ―cunchas, cruces e bordóns―, en tons agrisados.
A nivel técnico, o autor acode á sanguina, utilizando unha paleta restrinxida a sepia e azul. Esta última será a cor que empregue para resaltar os elementos máis importantes, coma os panos angulares e o tondo central da bóveda.
Exposicións
Bibliografía
-
Couselo Bouzas, J.: Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del siglo XIX. Santiago, 1932.
-
Couselo Bouzas, J.: La pintura gallega, A Coruña, 1950.
-
García Iglesias, J. M.: “García Bouzas, Juan Antonio”, en Gran Enciclopedia Gallega, T. XV. Vigo, 1978. Pp. 168-171.
-
Monterroso Montero, J. M.: La pintura barroca en Galicia, 1620-1750. Tese Doutoral, Universidade de Santiago, 1995.
-
Monterroso Montero, J. M.: “Juan Antonio García de Bouzas”, en VV. AA. Artistas galegos. Pintores. Ata o romanticismo. Vigo, 1999. Pp. 187- 236.