Historia Pinxit
Colección Séculos XVII e XVIII
Anunciación
Ficha técnica

Autor: Gregorio Ferro
Cronoloxía: ca. 1809
Xénero/temas:
Material: Óleo sobre lenzo
Dimensións: 180 x 80 cm
Firma:
Restauración:
Localización: Sancristía catedral de Santiago
Procedencia: Proxecto de retablo do trascoro da Catedral de Santiago
Doante/persoas vinculadas: Arcebispo Sebastián Malvar e cóengo Pedro Acuña y Malvar

Descrición

A obra foi encargada polo Cabido, xunto con outras tres pezas, para formar parte do trascoro proxectado dentro da renovación neoclásica da cabeceira e da fachada oriental da catedral. Este ambicioso plan, que lle fora encomendado a Melchor de Prado en 1754, contemplaba a creación dun novo coro, en cuxa parte traseira se situarían dous retablos de orde corintia flanqueando outro central dedicado á Virxe da Soidade.

No retablo dedicado á Encarnación, disporíase esta Anunciación no primeiro corpo, mentres que o segundo estaría rematado polo tondo no que se representa a Visitación da Virxe a Santa Isabel.

Non obstante, dado que o proxecto non se chegou a executar, as obras pasaron a outros lugares do edificio catedralicio.

Para esta obra, Ferro tomou como referencia as Anunciacións realizadas por Mengs, concretamente a que se conserva no Palacio Real de Madrid. Segue unha presentación piramidal na que a Virxe aparece axeonllada como símbolo de humildade. Entre ela e o arcanxo san Gabriel interponse unha mesa con tapete carmín disposta en diagonal, sobre a que se atopa un pequeno floreiro con azucenas, aludindo á súa pureza. A diferenza doutras representacións tradicionais nas que María le nun atril, aquí se dispón unha canastra cos textos sobre os que estaba concentrada. Ademais, inclúe unhas tesoiras, para reforzar o carácter laborioso da Virxe. Desde a parte superior, Deus Pai e o Espírito Santo observan a escena. O arcanxo, sostido no aire, xesticula cara a María, que coloca as mans en sinal de aceptación.

É unha obra que amosa con claridade as características do estilo de Ferro: a precisión e elegancia do debuxo, o suave modelado que o relaciona coa pintura italiana, a serenidade do seus personaxes e a sobriedade da súa paleta, na que predominan tons dourados, azuis e carmíns de baixa saturación.

Exposicións
  • Homenaje a Pintores Compostelanos, 1981.
  • Los pintores de la Ilustración, Madrid, 1988.
  • Galicia, siglo XIX. Hacia la modernidad, 1998.
  • Gregorio Ferro (1742-1812), Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, xullo – setembro de 1999; Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Madrid, outubro – novembro de 1999.
  • Los rostros de Dios, Santiago de Compostela, 2000.
Bibliografía
  • Días Fernández, J.M.: “¿Una Anunciación de Reni en la Catedral de Santiago?,”en El Correo Gallego, 19 de julio de 1997, pág. 18.
  • Fernández Gasalla, L.: “Las obras de Guido Reni en la colección del arzobispo de Santiago Don Pedro Carrillo (1656-1667)”, en Seminario de Estudios de Arte y Arqueología, 58. Universidad de Valladolid, 1992. Pp. 430-435.
  • Pita Galán, P.: “Estudio de los lienzos de la Anunciación conservados en la Sala Capitular de la Catedral de Santiago de Compostela”, en Boletín de Arte, 28, Universidad de Málaga, 2007.
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad