
Autor: Modesto Brocos
Cronoloxía: 1899
Xénero/temas: iconografía xacobea
Material: Óleo sobre lenzo
Dimensións: 365 x 550 cm
Sinatura: “MTO BROCOS. ROMA MDCCCIC”, ángulo inferior dereito.
Restauración: 1997. Arteca S.L. / Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia
Localización: Sacristía catedral
Procedencia: Depósito do pintor na catedral.
Doante/persoas vinculadas: Cardeal Martín de Herrera
Descrición
Modesto Brocos, compostelán asentado en Brasil, regresou a Europa en 1897 para pintar esta obra que “soñou antes de ser pintor”. Tal e como di a sinatura, foi rematada en Roma no 1899, e o ano seguinte intentou presentala á Exposición Universal de París, sen obter o éxito desexado. Sobre a súa chegada á Catedral, non se sabe se foi un agasallo ao Cabido ou un depósito temporal do artista mentres esperaba un comprador, xa que non se conserva documentación ao respecto.
A obra estrutúrase en forma de tríptico, quedando as escenas separadas por marcos arquitectónicos: a cada lado un arco apuntado e no centro de medio punto, separados por unhas columnas helicoidais con capiteis historiados que seguen modelos presentes na catedral e mostran a Santiago Cabaleiro na Batalla de Clavijo e a Aparición da Virxe do Pilar a Santiago. Sobre cada un destes capiteis se dispón un anxo, que suxeita unha cartela sobre a imaxe central.
Na escena da dereita está representada a Predicación do Apóstolo en Santiaguiño do Monte. Santiago aparece de pé nunha posición alta, sobre unha pedra, nimbado e cun báculo na man esquerda mentres que a dereita se dirixe ao ceo.
No lado esquerdo represéntase a Traslatio dos restos a Padrón. En primeiro plano, aparece a barca na que chega desde Xafa; no segundo, a chegada a Padrón, onde dous homes vellos e dous novos o levan sobre unha pedra, podendo identificarse estes últimos cos discípulos Teodoro e Atanasio. Detrás, é posible ver un carro con bois e ao fondo identifícase o Pico Sacro, chamado Monte Ilicino na tradición xacobea.
A escena central presenta o momento previo á Inventio, cun sepulcro paleocristián de mármore bañado pola luz da estrela no medio dun bosque, gardado por dous anxos. A cartela que se dispón sobre esta imaxe contén unha inscrición en latín que identifica o corpo de Santiago o Maior: “Corpus beati Jacobi Majoris ab Herode Hierosolymi”.
Exposicións
- Santiago, la Esperanza. Santiago de Compostela,7 de mayo – 31 de diciembre de 1999.
- Hospitalitas. A graza do encontro. Las Edades del Hombre. Santiago de Compostela, 13 de xuño – 30 de novembro, 2024.
Bibliografía
- Cabrera Massé, Mª.: “Modesto Brocos”, en VV. AA.: Artistas galegos. Pintores. Novecentos. Vigo, 1998. Pp. 292-324.
- García Iglesias, J. M.: Dos apóstoles al final del Camino. Santiago de Compostela, 2012.
- López Vázquez, J. M.: “El arte de los últimos tercios del siglo XIX”, en VV.AA.: Arte Contemporáneo. Galicia. Arte. T. XV. A Coruña, 1993.
- Yzquierdo Peiró, R.: “Misit me Dominus. Santiago el Mayor en las colecciones artísticas de la catedral compostelana”, en Ad Limina, Revista de investigación del Camino de Santiago y las peregrinaciones. Vol. VIII. Santiago, 2017. pp. 85-153.
- Yzquierdo Peiró, R. y Fernandes Capel, H. S.: “Una obra de Modesto Brocos para la posteridad. El Tríptico de Santiago en el contexto del resurgimiento de las peregrinaciones y en las colecciones artísticas de la catedral compostelana”, en Quintana: revista do Departamento de Historia da Arte, (23) (2024).
- FERNANDES CAPEL, H. S. e YZQUIERDO PEIRÓ, R.: “Identidades en movimiento: Modesto Brocos y la importancia del Tríptico de Santiago”, en Projeto História, vol. 81, setembro-decembro 2024, p. 242-278.
- FERNANDES CAPEL, H. S. e YZQUIERDO PEIRÓ, R.: “El Tríptico de Santiago en Galicia: La tradición jacobea en la obra de Modesto Brocos, inspiraciones eclécticas e influencias en la pintura gallega”, en Archivo Español de Arte, 97, 385, xaneiro-marzo 2024, p. 1384.
- YZQUIERDO PEIRÓ, R.: “La traslación de los restos del Apóstol Santiago a la sede de Padrón”, en Hospitalitas. A Graza do Encontro, catálogo de exposición, Santiago de Compostela, 2024, p. 264-267.