Autor: Laureano Cao Cordido
Cronoloxía: 1880
Xénero/temas: Inventio
Material: Óleo sobre lenzo adherido á táboa
Dimensións: 143 x 109 x 14 cm
Firma: Ángulo inferior esquerdo: “1880. L. C. Cordido”
Restauración: Museo Catedral, 2006
Localización: Museo Catedral
Procedencia: Cripta apostólica, logo recolocado na capela de San Fernando
Doante/persoas vinculadas:
Descrición
Trátase dunha obra de carácter historicista, que representa nun sentido fiel a descrición que fai a tradición xacobea do descubrimento do sepulcro apostólico, a Inventio, acontecida en tempos do bispo Teodomiro de Iria Flavia e que, entre outras fontes, foi recollida por Xelmírez na Historia Compostelá.
Alén desta obra, non se teñen moitas máis referencias deste autor compostelán, alén de coñecer que ocupou o posto de pintor oficial da fábrica catedralicia e que foi profesor de Debuxo na Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.
Orixinalmente destinada ao novo oratorio concibido baixo o altar maior para acoller a urna de prata cos restos de Santiago e os seus discípulos, logo do seu redescubrimento en 1879, nalgún momento, o lenzo foi adherido a unha táboa e colocado na porta da caixa forte da capela de San Fernando, de xeito que esta quedaba oculta detrás da obra.
Teodomiro aparece representado nunha cripta abovedada con arcos marmóreos e pavimento axadrezado. Atópase de pé, vestido como bispo, con vestimentas renacentistas, acompañado por un anxo que porta un incensario. Ambos observan os tres sepulcros de mármore, sendo o central, de maior tamaño e distinto material, o do Apóstolo, mentres que nos laterais estarían os seus discípulos Atanasio e Teodoro.
Exposicións
-
Ceremonial, festa e liturxia na catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2011.
-
Iacobus, Santiago, 2013.
-
Hospitalitas. A graza do encontro. Las Edades del Hombre. Santiago de Compostela, 13 de xuño – 30 de novembro, 2024.
Bibliografía
- Vidal, M: “1879: Descubrimiento de las Reliquias del Apóstol”, en Compostela, Santiago, 1949. Pp. 6-10.
- Yzquierdo Peiró, R.: Los tesoros de la catedral de Santiago, 2020, 241-270.
- Hospitalitas. A Graza do Encontro. Las Edades del Hombre, Santiago de Compostela, Valladolid, Las Edades del Hombre. Catálogo de exposición, 2024. p.274
- Yzquierdo Peiró, R.: “Escenas jacobeas en los fondos pictóricos de la catedral compostelana”, Rudesindus, no 13, 2020.