Historia Pinxit
Tríptico de Pentecostés
Ficha técnica

Autor: Juan Luis López García
Cronoloxía: 1920
Xénero/temas: Pentecostés, santa Isabel de Portugal, san Francisco de Asís
Material: Óleo sobre lienzo
Dimensións: Táboa central: 215 x 120 cm, Laterais: 205 x 62,5 cm cada unha
Firma: Esquina inferior dereita da táboa central: “Opus Juan Luis MCM…”., esquina inferior dereita na táboa esquerda: “JVAN”.
Restauración: 2018, Fundación Catedral e Abanca
Localización: Museo Catedral
Procedencia: Capela de Sancti Spiritus
Doante/persoas vinculadas: Cóengo M. Tafall e Cardeal Martín de Herrera

Descrición

Trátase do último grande encargo pictórico realizado na catedral compostelá, neste caso, en relación cun novo altar xacobeo para o Ano Santo de 1920 que estaba situado na capela de Sancti Spiritus.

Tras a retirada do coro da nave maior, trasladouse a esta capela o retablo da Virxe da Soidade, o que obrigou ao tríptico a deambular por diversos espazos da catedral e a deteriorarse gravemente ata a súa restauración en 2019.

No tríptico, Juan Luis, que se atopaba nos seus anos de apoxeo, na década dos 20 do século XX, demostrou os seus fondos coñecementos dos mestres primitivos italianos e, tamén, da arte das vangardas, sobre todo, do impresionismo e o simbolismo prerrafaelista.

Na táboa central represéntase a Chegada do Espírito Santo, seguindo o relato dos Feitos dos Apóstolos. A escena está centralizada por María, entronizada nunha arquitectura neogótica, que se atopa acompañada de once apóstolos: seis a un lado e cinco ao outro. En primeiro plano están san Pedro e san Xoán: o primeiro, vestido con capa de cor mostaza e o rostro barbado; mentres que san Xoán, de vermello, aparece representado imberbe e con cabelo longo.

Do resto dos apóstolos, malia estaren individualizados en rostros, actitudes e vestimenta, só se distingue a Santiago o Maior polas vieiras bordadas na súa capa. Son testemuñas da chegada do Espírito Santo en forma de pomba nimbada. Ao fondo aparece representada unha frondosa paisaxe.

Na táboa da esquerda disponse santa Isabel de Portugal, portando nas súas mans unha coroa sobre un coxín, co Pórtico da Gloria de fondo e, na dereita, san Francisco de Asís; ambos os dous santos relacionados coa peregrinación a Compostela, que servirían de referencia para os novos peregrinos xacobeos.

Exposicións
  • Homenaje a pintores compostelanos, 1981.
  • Juan Luis. A Coruña, 1984.
  • Galicia, terra única, 1997.
  • Compostela na historia: redescubrimento. Casa da Parra, Santiago de Compostela, maio-xullo 1999
  • Pintores compostelanos. Historia y renovación entre los siglos XIX y XX. Santiago, 2004.
Bibliografía
  • López Vázquez, J. M.: “Juan Luis”, en VV. AA. Artistas gallegos. Pintores (el regionalismo I). Vigo, 1997. Pp. 370-413.
  • López Vázquez, J. M. “Juan Luis, pintor compostelano”, Adaxe, 3, 187. pp.83-90.
  • Travieso Mougán, J. y Cerviño Lago, J.: El pintor Juan Luis. A Coruña: 1994.
  • Yzquierdo Peiró, R.: Los tesoros de la catedral de Santiago, 2017. P. 251-252.
  • Yzquierdo Peiro, R.: Un tesoro olvidado recuperado: el Tríptico de Juan Luis de la catedral de Santiago, 2019.
  • Yzquierdo Peiró, R.: “Escenas jacobeas en los fondos pictóricos de la catedral compostelana”, Rudesindus, nº 13, 2020. pp.241-270.
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad