Autor: Guido Reni (atr.)
Cronoloxía: XVII
Xénero/temas:
Material: Óleo sobre lenzo
Dimensións: 78 x 59 x 4 cm
Firma:
Restauración: Beatriz Pintos Moreu, 2002
Localización: Museo Catedral de Santiago
Procedencia:
Doante/persoas vinculadas: Arcebispo Pedro Carrillo
Descrición
En 1997 o cóengo arquiveiro da catedral José María Díaz Fernández reparou en dous lenzos conservados no Museo Catedral: un san Gabriel e unha Virxe, presentados xuntos formando unha Anunciación, a apuntou a posibilidade de que ambos os dous pertencesen a unha mesma peza que, polo seu mal estado de conservación, acabaría fragmentada, dando lugar a estes dous cadros; unha hipótese que, posteriormente, sería refutada por Pita Galán, para quen esta obra se trataría dunha peza do século XVIII e de posible factura boloñesa a partir de exemplos do citado Reni.
Non se conta con datos para asegurar a súa autoría nin en que circunstancias chegaron a Compostela. Foron atribuídos a Guido Reni despois de que Fernández Gasalla apuntase a que as dúas pezas pertencerían ao legado do arcebispo Pedro Carrillo, que no seu testamento lles deixou aos seus sobriños varias obras do pintor boloñés, ao tempo que lle legou ao pazo arcebispal outros catro lenzos.
O arcanxo aparece de perfil, elevando a súa mirada cara á dereita da escena, mentres sostén un lirio na man. Esta flor, que simboliza a pureza de María, figura en numerosas representacións da Anunciación desde o século XIV.
Viste unha túnica rosa rematada nunha greca dourada con perlas, leva pendurado do pescozo un medallón dourado cunha pedra escura no centro e sobre os seus ombreiros cae un manto azul. A súa figura queda enmarcada polas súas ás, en tons pardos, que se despregan formando un ángulo agudo que se axeita ao marco ovalado, o cal puido ser engadido posteriormente para emparellalo co cadro da Virxe.
Ten un rostro infantil, cunha delicadeza que, efectivamente, lembra exemplos de Guido Reni ou dos seus discípulos da escola boloñesa.
Exposicións
Bibliografía
- Días Fernández, J.M.: “¿Una Anunciación de Reni en la Catedral de Santiago?,”en El Correo Gallego, 19 de julio de 1997, pág. 18.
- Fernández Gasalla, L.: “Las obras de Guido Reni en la colección del arzobispo de Santiago Don Pedro Carrillo (1656-1667)”, en Seminario de Estudios de Arte y Arqueología, 58. Universidad de Valladolid, 1992. Pp. 430-435.
- Pita Galán, P.: “Estudio de los lienzos de la Anunciación conservados en la Sala Capitular de la Catedral de Santiago de Compostela”, en Boletín de Arte, 28, Universidad de Málaga, 2007.