Autor: Frans Francken III, O novo
Cronoloxía: 1752
Xénero/temas:
Material: Óleo sobre cobre
Dimensións: 69 x 85 cm
Firma:
Restauración:
Localización: Sala Capitular. Museo Catedral de Santiago
Procedencia:
Doante/persoas vinculadas: ¿Chantre Andrés de Gondar?
Descrición
Tradicionalmente atribuído a Juan Antonio García de Bouzas, xunto á súa parella, na que se representa a Conversión de San Paulo, as súas características estilísticas, ligadas indiscutiblemente coa escola flamenga, levan a relacionar estas pezas co taller de Frans Francken o Novo, de quen, como sinalou Monterroso, se localizaron pezas semellantes nos fondos da Fundación Getty e noutras coleccións particulares.
Ambas as dúas pezas ocupan os laterais do fornelo que acolle, no altar da Sala Capitular, a imaxe de Santiago Peregrino de José Gambino, realizada por encargo do Cabido en 1754.
Os dous cadros son bos exemplos significativos da difusión, durante os séculos XVII e XVIII, de cobres flamengos producidos en serie e comercializados por toda Europa. E aínda que, malia a súa situación enfrontada, non dialogan entre si, podemos distinguir neles certas semellanzas compositivas.
Representa o momento no que Cristo é prendido, despois de ser condenado por Pilato, e trasladado ao lugar do sacrificio empurrado polo pobo xudeu. A disposición dos personaxes no espazo crea unha composición dinámica que fai avanzar a mirada desde o marxe dereito, cun grupo de mulleres que se lamentan, ata chegar a Cristo, que mira cara ao espectador para facelo partícipe do seu sufrimento. A continuación, a atención diríxese ao fondo, onde vemos unha cidade amurallada con tellados en chanzos que remite aos Países Baixos. Este dinamismo contrasta coa verticalidade da escena da esquerda, onde se atopan Pilato e os seus acompañantes. O autor soubo xerar tridimensionalidade grazas á composición da escena e á perspectiva atmosférica.
Exposicións
Bibliografía
- Monterroso Montero, J. M.: La pintura barroca en Galicia, 1620-1750. Tese Doutoral, Universidade de Santiago, 1995.