
As imaxes de San Rosendo e de San Pedro de Mezonzo, situadas á entrada da igrexa, son obra do escultor José Ferreiro, artífice clave no tránsito da arte barroca ó neoclásico galego. Segundo palabras de Otero Túnez, Ferreiro é “un escultor con roupaxe neoclásica, pero con alma barroca”. Da súa gubia saen algunhas das esculturas máis interesantes que se encontran nesta igrexa. San Rosendo foi abade e fundador do mosteiro de Celanova e bispo de Mondoñedo e de Santiago de Compostela. O santo aparece en sentida actitude de recollemento coa man apoiada sobre o peito, mentres coa esquerda sostén o báculo que simboliza a súa autoridade. Aos seus pés aparece a mitra como renuncia á súa dignidade episcopal. San Pedro de Mezonzo foi abade do mosteiro de Sobrado dos Monxes e San Paio de Antealtares e tamén se lle considera autor da célebre oración Salve Regina. Como mostra da súa renuncia á dignidade episcopal, colócase a mitra aos seus pés. Apoia o seu corpo sobre o báculo que representa a súa autoridade e coa súa man dereita sostén o libro da Regra benedictina. Estas obras caracterízanse polo canon alongado do corpo, as faccións
impregnadas de suavidade e naturalismo e pregamentos chafranados representativos do cincelado do mármore que plasma no seu traballo en madeira. Destaca na totalidade da obra de José Ferreiro a solemnidade que impregna as súas imaxes e o seu distanciamento do espírito barroco na sobriedade das policromías.