Esta obra de José Ferreiro representa a exaltación e glorificación da santa, ascendendo ao ceo levada polos anxos, cos brazos abertos e a expresión sumida na visión sobrenatural da que participa. No corpo superior do retablo está representado Cristo na Gloria, acompañado pola Virxe María, o Apóstolo San Xóan e o coro anxélico. O empuxe ascendente e teatral da imaxe da santa en éxtase, notoriamente marcado por unha liña compositiva diagonal de tradición barroca, contrasta coa composición piramidal e serena do grupo superior. Na composición da escena faise evidente a influencia de escultores italianos do barroco tardío. Dende o punto de vista estilístico, a Santa Xertrude de Ferreiro tamén goza da estilización formal e do naturalismo idealizado da imaxe de Santa Escolástica. Resulta moi significativo que este retablo poida abrirse pola súa parte central para dar paso á porta que comunica o claustro procesional do mosteiro, que permitía unha circulación máis libre no cerimonial litúrxico e festivo da comunidade monástica de San Martiño Pinario.