O peculiar deseño do retablo maior de San Martiño Pinario débese, en gran medida, á súa localización na embocadura da capela maior da gran igrexa bieita. A necesidade de articular dous espacios do templo -o coro dos monxes e a igrexa dos fieis- levou o audaz deseño do arquitecto Casas Novoa a concibir dúas fachadas con programas iconográficos distintos aínda que complementarios. A aérea rúa principal do retablo aparece centrada no anverso polo escudo real de España, dispoñendo de xeito moi efectista a escena da Asunción e Coroación da Virxe María pola Santísima Trindade entre as imaxes de San Pedro e San Paulo. Nos laterais celébrase a aparición de Santiago e San Millán na batalla de Simancas, mentres que o templete do corpo superior acolle a apoteose de San Martiño como bispo. O remate amosa a caritativa escena de San Martiño cabaleiro partindo a súa capa para darlle a metade a un pobre.
O escudo do mosteiro centra o reverso do retablo. As imaxes de San Bernardo e San Gregorio Magno son as advocacións situadas sobre o rico expositor, mentres que San Xosé co Neno Xesús preside o templete superior. Con esta obra compostelá Casas Novoa leva a evolución do retablo barroco galego ata límites impensables. Por unha parte transcende a tradición de Domingo de Andrade, profundando na idea da mobilidade de planta, do xogo de volumes e ocos e desmaterializando a impresionante masa
piramidal do remate, levantada sobre unha complexa estructura arquitectónica composta por dinámicas columnas salomónicas, quebrados entablamentos e ornamentadas pilastras, grazas á valoración dos xogos lumínicos que se producen na cabeceira e no cruceiro da igrexa. Por outra banda, a inspiración en diversas fontes gráficas dálle ao retablo maior esa riqueza de formas decorativas que provén de obras, proxectos e arquitecturas efémeras de diversa procedencia; unha enorme riqueza compositiva e formal ao servizo dunha arquitectura aérea e orixinal, verdadeiro paradigma da cultura barroca galega.