Antecedentes arqueolóxicos Arte antiga, arte castrexa

Este primeiro ámbito está constituído por distintos obxectos simbólicos e decorativos, elaborados en prata, vidro e bronce, que pertencen á culturas primitivas e castrexa.

Colar fenicio-púnico

A invención do vidro opaco atribúese aos exipcios; é coñecida a “faienza”, pasta vítrea opaca de cor, xeralmente, azulada ou agrisada. Pero serán os fenicios os que descubrirán e crearán vidro translúcido de diversas cores e tamén vidro incoloro. As finas areas do río Belo, así como as diversas probas e ensaios, propiciaron o achado que faría posible estas obras vítreas.
Os fenicios crían na existencia e o poder dos espíritos, de feito, considerábanos capaces de ocasionar un mal ou un dano físico, de aí que se protexesen, tanto na vida como na morte, portando estes talismáns ou amuletos con formas humanas.
O colar exposto é un exemplar único no mundo fenicio, por varios motivos que o fan especial e singular. As análises realizadas amosan que o colar é un conxunto unitario, fabricado na súa integridade nun mesmo momento e coas mesmas pastas vítreas; non existe ningún outro caso dun conxunto similar de cabeciñas de vidro e contas azuladas.
Presenta outras singularidades, entre elas, que se trata da única tipoloxía coñecida destas representacións e técnica fabril; non se achou referente ningún nas catalogacións realizadas por Monique Seefried ou Theo
Haevenick, autoridades incuestionables en cabeciñas de vidro fenicio- púnicas. É tamén excepcional o número de ata 6 e 7 pastas vítreas diferentes na súa elaboración.
De entre as tres cabeciñas, cómpre salientar a coroada por raios solares. Pola datación do colar, séculos VIII-VI a. C., estamos ante a primeira representación coñecida dunha divindade coroada co devandito motivo. A complexidade técnica da súa elaboración mostra unha habilidade excepcional na súa execución, pois, entre outras cousas, implica a utilización de 7 crisois quentes para a manufactura das cabeciñas; deste xeito, á excepcionalidade tipolóxica hai que engadirlle a pericia técnica nun traballo manual artístico nacente: a orixe do traballo artístico en vidro transparente multicolor.
Trátase dun exemplar único, de referencia incuestionable no mundo fenicio-púnico.

O touro, animal sagrado

O touro como símbolo sacro remóntase ás épocas máis temperás da civilización. Existe como tal en Mesopotamia, así como nas culturas minoica, fenicia, tartésica, exipcia etc. Xa que logo, a súa representación era común como elemento decorativo en obxecto de uso e de actividades de culto arredor del. O aquí presentado puido formar parte tanto dun lampadario como da decoración dunha xerra ritual.
Pertence ao período orientalizante e está datado contra os séculos VIII e VII a. C.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad