Manuscritos e impresos Liturxia musical

Os 5 exemplares de libros que se amosan estaban destinados aos ritos da liturxia católica. Na parte superior dereita, un pergameo do século XIII relativo á liturxia de san Bartholome no que se narra como este santo expulsou un demo, denominado “Astaroth” (posible deturpación da deusa fenicio-cananea Astarte), dun templo no que, segundo a tradición, este vivía dentro dunha estatua; san Bartolomeu demostrou a ineficacia desta estatua, que dicía curar as enfermidades, expulsou o demo e consagrou o templo a Xesús. É un exemplar único.
Á esquerda atópase unha sacra xacobea manuscrita de 1598 ―só se coñece este exemplar―. As sacras, chamadas tamén tabellae secretarum ou charta cum secretis, son táboas finas con textos da misa que se colocaban sobre a mesa de altar para axudar o sacerdote a recitar as oracións principais do oficio, sen ter que recorrer ao misal en momentos nos que debía inclinarse ou alzar as mans.
Esta sacra amosa na súa parte posterior un estampado en ouro coa imaxe de Santiago peregrino. A data, o lugar de produción e a referencia a Santiago peregrino, entre outras cuestións, fannos deducir que pertenceu á igrexa hospital de Santiago dos Españois, fundada en Roma pola dinastía Trastámara ao redor de 1450. Nesta igrexa atopábanse frescos dedicados ao Apóstolo e unha imaxe de Santiago como peregrino, obra de Jacopo Sansovino.

Abaixo, á esquerda, pódese ver un antiphonario manuscrito en pergameo do século XVI que recolle estes cantos para todo o ano litúrxico. A antífona é unha breve pasaxe tomada das sagradas escrituras que se canta ou reza antes e despois dos salmos; estes últimos son cánticos cos que se pretende dar consellos sabios sobre o correcto comportamento humano. A antífona está precedida pola contracción AÑA e o salmo pola P. Estes libros sacros estaban xeralmente decorados nas súas letras capitais con debuxos imaxinativos nos que o copista desenvolvía, con certa liberdade, o seu enxeño e habilidade.
No centro amósase un passionarium, segundo o antigo rito hispánico (toletanum), de 1567. O passionarium é o libro que recolle os ritos que teñen que ser cantados cada un dos días da Semana Santa. Só se conservan tres exemplares completos coa súa encadernación renacentista orixinal, este é o único nunha colección privada.
Á dereita, un cantoral portugués de 1790 en notación cadrada e mensural, manuscrito por frei Xoán de Barcelos, no que se recollen distintas misas. Entre elas a “Missa do Leite” e a “Missa de Mafra”.
Trátase, como manuscrito, dun exemplar único.
O Palacio Nacional de Mafra, equivalente portugués do Escorial español, nace con ese mesmo espírito de palacio-mosteiro; foi construído polo rei Xoán V de Portugal e iniciado en 1717. Entre outras misas, atopamos a “Missa de Rea” ou a “Missa Ternaria”, escrita en compás ternario

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad