Na parte inferior pódese observar ourivaría civil de mesa compostelá, cuxos elementos amosan as marcas de distintos prateiros de Santiago do século XIX e principios do XX; á dereita, obxectos de uso da sociedade compostelá en prata, nacional ou estranxeira.
Na parte superior, en dous niveis, vemos distintos obxectos datados nos séculos XVII e XVIII que forman parte do reposteiro do comedor principal e do servizo de mesa, todos eles de adquisición nacional ou importada e que forman o enxoval de uso dunha vivenda de relevancia social.
Todos os obxectos relixiosos expostos neste ámbito son de factura compostelá e de uso litúrxico, excepto un, o cadro de ofrendas de Santiago matamouros. Os cadros de ofrenda eran obsequios que o Cabido catedralicio lles ofrecía a personalidades de relevancia como regalo por distintos motivos, entre eles, a presentación da Ofrenda do 25 de xullo.
O seu tamaño e vistosidade variaban dependendo da importancia do obsequiado ou da súa representatividade. O aquí exposto é, de entre os que se conservan, un dos de maior fachenda e dimensión. Obra de José Losada, artífice do botafumeiro e mais da urna apostólica, representa a Santiago cabaleiro na Batalla de Clavijo.
Os dous esquinais, san Pedro e san Paulo flanqueados por apóstolos, poderían pertencer aos ensaios previos realizados antes de definir a estética final da urna de Losada.
O resto das pezas son obxectos de uso litúrxico para a celebración da misa e os oficios, así como complementos pertencentes á decoración de imaxes (coroa e rostriño de Mateo Aguirre) ou pequenas figuras de santos, pertencentes a estruturas de maior distinción.
Acéptase adoito que en España foron os pintores os que acadaron un status social pola natureza intelectual da súa arte, porén, foron os prateiros os primeiros en lograr tal distinción. A transcendencia da familia Arphe e, sobre todo, dos tratados de Juan de Arphe, que podemos contemplar nesta exposición, equiparábanos aos tratadistas italianos que teorizaran sobre o carácter intelectual dos escultores do ouro e a prata. A Real Pragmática de Carlos I de 1552, pola que se autorizaba aos ourives a vestir de seda, foi o símbolo desta distinción, prerrogativa que estes esixiron nas Ordenanzas de Carlos II, que tamén se pode ver nesta mostra.
Reúnense neste ámbito pezas de dúas tipoloxías: por unha banda, as de uso civil, como a bandexa de repostaría de Otero e mais o espello cornucopia de Ricardo Martínez Costoya, ambas as dúas de factura compostelá; por outra banda, as de uso relixioso, malia que dúas delas ―o Cristo de prata e o Neno Xesús de cera― son tamén relixiosas pero domésticas, isto é, formaban parte de pequenos altares do eido familiar.
Ten especial interese a naveta renacentista, destinada a conter o incenso para a liturxia, e o Cristo de prata do século XVII, realizado segundo modelo de Guglielmo della Porta. Os cristos de Della Porta están considerados como obras clave da Contrarreforma, que se inicia co Concilio de Trento, convocado por Paulo III e rematado no pontificado de Pío IV

Este modelo de crucificado, creado en Roma, asociouse coa vitoria de Lepanto fronte aos turcos e isto propiciou a súa difusión. A obra exposta presenta enormes similitudes co crucificado de marfil saído do obradoiro de Guglielmo, que pertenceu a Pío V. O éxito destes crucificados remata baixo o pontificado de Urbano VIII, cando morre o último herdeiro de Guglielmo, Teodoro della Porta (1638), e se espallan novos modelos de produción local, máis dramáticos e expresivos.
O espello cornucopia do prateiro Martínez Costoya é un dos escasos exemplos desta tipoloxía dentro da pratería civil, en xeral, e a compostelá, en particular.
O Neno Xesús de cera correspóndese cos modelos do dezaoito de carácter verista realizados neste material que formaban parte dos altares domésticos en casas de relevancia. Doutra banda, ao coral vermello conferíaselle un carácter protector, especialmente na infancia; así, ao pé vemos un axóuxere cos elementos de protección (chifre, cascabeis e coral vermello) para escorrentar os maleficios