


Atopamos neste ámbito tres elementos diferenciables: traballos de pratería, documentos e a talla de santo Eloi, patrón dos prateiros.
De entre as obras de pratería salientamos, en primeiro lugar, os 4 candeeiros en estilo neoclásico, de Francisco Pecul, provenientes do pazo do Tumbiadoiro. Francisco Pecul é un dos máis exquisitos e sutís ourives composteláns. É o primeiro prateiro español en ser admitido na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e premiado como gravador “en fondo”. O seu traslado a Madrid e a Xaén, as encargas de broncista para cadeirados e decoración palaciana e de igrexas, así como o seu carácter multidisciplinar ―interveu no tabernáculo da catedral de Xaén elaborando bronces e marquetaría de mármore―, impediron que saíse das súas mans un número máis extenso de obras de pratería, razón pola que a súa presenza en museos é moi escasa.
Representan, polo tanto, estes 4 candeeiros de estilo neoclásico o seu único traballo civil en prata coñecido ata hoxe. Dúas das obras relixiosas que dan a medida da súa calidade consérvanse na catedral compostelá: as imaxes de santa Teresa e a Inmaculada. Consérvanse tamén unhas ánforas de altar na catedral de Lugo e tense referencia escrita dun oratorio para o “Sr Bringas”. Francisco Pecul é o introdutor en Galicia do estilo neoclásico na pratería.
Convén prestarlle atención ao brazal santiaguista, cos seus distintos relicarios e escorrentadores, elemento de decoración persoal e transmisión familiar de singular rareza.
Á esquerda atópase o libro de referencia para arquitectos e prateiros do ourive Antonio de Arfe, na súa edición de 1675, titulado De varia Commesuracion. Nel establécense as regras e proporcións de distintas ordes, tanto arquitectónicas como da natureza. Trátase dunha obra fundamental para creadores nas diferentes expresións artísticas e, desde logo, para ourives como libro de taller. Esta edición está dedicada ao ourive de Ribadavia (Ourense) Domingo Rodríguez de Araújo.
A talla do século XV representa a santo Eloi, patrón dos prateiros, na súa faceta de ferreiro. Trátase dunha obra renacentista, en madeira de carballo, de nobre factura, que nos amosa a temperá advocación deste santo ao gremio de obradoiros do metal.
Canto aos elementos documentais salientamos a primeira edición castelá, de 1640, do libro que refire a vida e morte de santo Eloi, un relato haxiográfico escrito por santo Audeno e traducido ao español por Francisco Balderrabano.
Na parte superior pódese ver o título de prateiro do colexio de Santiago, que a Confraría de santo Eloi entregaba para poder exercer o oficio, tras un “ecsamen”. Este exame foi preceptivo ata a disposición do 8 de xuño de 1813, na que se declara o exercicio libre de “cualquiera industria u oficio útil, sin necesidad de examen, título o incorporación a los gremios respectivos, cuyas ordenanzas se
derogan en esta parte”. Deste xeito, suspendeuse e eliminouse a necesidade de superar tal proba para exercer a profesión.
Completan o ámbito tres bandexas de tres prateiros composteláns: Morón, Malde e Martínez Costoya, así como un cadro de ofrendas en filigrana de José Buenaventura Lorenzo Mouteira