Xoias dos séculos XIX e XX, e xoieiros
Cara a finais do século XIX iníciase un cambio nos usos da xoiaría; a aparición de movementos como o art noveau, chamado en España modernismo, preconiza novos estilos nas artes decorativas e o deseño. A xoiaría forma parte desta tendencia, malia que a inercia da estética anterior segue a orixinar obras con influencias do pasado.
Neste ámbito podemos observar xoias de ambos os estilos pertencentes aos séculos XIX e XX. Son pezas que non requiren, polo xeral, a etiqueta social de tempos pasados e só segue manténdose, circunstancialmente, o rigor decorativo no eido institucional.
Xoiaría de loito
En 1840 a raíña Victoria de Inglaterra casa de branco e “impón” esta cor nesas cerimonias. En 1861 morre o seu home, Alberto da Saxonia, polo que viste de rigoroso loito, costume que prevalecerá e que se estenderá ás xoias.
Durante toda a etapa do seu reinado esta xoiaría de loito conformará un sinal de identidade, á vez que de elegancia. Os materiais empregados serán fundamentalmente tres: acibeche (de Whitby, en Inglaterra), ebonita e vidro negro, coñecido como “acibeche francés”.
Deses tres materiais podemos apreciar varios exemplos neste apartado da colección, en forma de colar, gardapelo, colgantes, broches, pulseira e alfinete.
Así mesmo, no lateral dereito, pódese observar un estoxo con varias gabetas ou apartados con deseño específico para gardar aneis, prendedores, alfinetes ou broches; e tamén xoieiros destinados a recoller as pezas de valor que xa referimos nos ámbitos de xoiaría.
Os materiais principais empregados nestas obras son madeiras nobres con incrustacións, prata, cuncha de tartaruga e marfil.
