Xoiaría representativa. Xoieiro materno

Esmalte de Carlos II e adobíos de brillantes

Esmalte ao lume sobre lámina de ouro do rei Carlos II que representa o derradeiro rei da casa de Austria.
Nel, o monarca aparece ataviado con armadura, pano de encaixe flamengo e banda de capitán xeneral, ao xeito no que foi retratado de a cabalo (en lenzo de gran formato) por Lucas Jordán, en retrato de corpo enteiro por Carreño de Miranda e nunha miniatura de busto por Claudio Coello; todos eles, en idade similar ao esmalte que observamos.
Con toda probabilidade, estamos ante un obsequio real, datado próximo ao ano 1695 e único esmalte referenciado deste monarca. Así mesmo, é unha peza excepcional xa que normalmente os esmaltes se realizan sobre lámina de cobre e, en raras ocasións, sobre lámina de ouro.
O reinado de Carlos II estivo condicionado pola súa enorme debilidade física: apenas podía sosterse en pé, debido posiblemente, polo menos en parte, á consanguinidade. Esta circunstancia provocou unha época de grandes dificultades e intrigas palacianas entre validos e rexente; e a súa morte, unha guerra pola sucesión ao trono, xa que non tivo descendencia.

Adobíos

Eran conxuntos de gran fasto formados por broche, pendentes e anel, malia que podían incluír algún outro complemento, como brazaletes. Adoitaban estar elaborados en ouro e pedras preciosas, xeralmente diamantes, esmeraldas e perlas; estaban destinados ás mulleres, que adoitaban empregalos nas recepcións e galas de noite.
Neste ámbito pódense observar tres adobíos nas tres tipoloxías mencionadas: diamantes, esmeraldas e perlas barrocas, pertencentes aos séculos XVII e XVIII.
A peza central destes conxuntos podía lucirse ben como “rosa de peito”, utilizada como decoración central do busto, ben como “afogador”, isto é, como peza que, cunha cinta, se cinguía ao pescozo; de feito, coñecíanse tamén como “xoiel de pescozo”, e nos séculos XVII, XVIII e XIX eran pezas representativas do status social.

Xoias de día, xoia de noite e rosarios

En tempos pasados, nas horas diúrnas, o ornato feminino debía ser elegante pero discreto.
Como comentamos, o máis vistoso reservábase para as reunións nocturnas.
Como exemplo de adobío nocturno amósase a peza central, formada por un colar, habilitado tamén como rosa de peito, de tres corpos, lazo e dous elementos pendentes, en ouro e diamantes.
O ornato de día estaba representado basicamente por pendentes máis sinxelos, aneis e prendedores. Os metais que atopamos neles son o ouro e mais o platino, ocasionalmente a prata; como pedras, adoitaban empregarse diamantes, brillantes, esmeraldas, rubís e zafiros azuis. O diamante e o brillante son o mesmo material (carbono puro cristalizado), pero difiren na súa talla e por tanto na forma en que reflicten a luz ―a talla brillante é unha incorporación do século XIX―. Podemos observar neste ámbito distintos modelos dos séculos XVIII e XIX, así como xoias isabelinas e afonsinas.
Os rosarios formaban parte dos complementos para os actos litúrxicos. Ata o século XIX conformaban un elemento do enxoval feminino de calquera condición, só diferenciados entre eles pola calidade e o material empregado na súa elaboración. Os diferentes materiais, dependendo das posibilidades do posuidor, empregábanse en diversas ocasións, segundo o rito ou a representatividade da persoa no devandito acto. Os tres que presentamos aquí son unha mostra de tres deles significativos e distintos: engarzamento de ouro con contas do mesmo metal, engarzamento de ouro con contas de coral e engarzamento de prata e filigrana con contas de nácara. Todos se corresponden cunha alta significación social e amosan unha refinada calidade artística.

Xoias representativas para actos relixiosos e xoiaría popular galega

Na parte central deste ámbito podemos observar un adobío do século XVIII de ouro, prata e diamantes de significación relixiosa, que remata o seu extremo nunha cruz. Esta peza estaba reservada para celebracións de relevancia do eido litúrxico.
Á súa esquerda atópase unha rosa de peito de filigrana e prata sobredourada do século XVII que representa a santa Rosa de Lima, complemento reservado tamén para celebracións de tipo litúrxico.
Á dereita do adobío principal temos unha peza do ámbito civil: un reloxo do século XVIII coa chamada coloquialmente “chichoneira”, unha sobrecuberta que protexe a cuberta primeira do mecanismo do reloxo. Este, de factura francesa, está realizado en ouro, esmalte e strass, con dispositivo de roda catarina. Así mesmo, pende o reloxo dun artificio chamado chatelaine, que serve para mostralo como elemento decorativo e facilitar, mediante a cadea, a observación da hora e evitar que poida caer ao chan, o que resultaría fatal para a súa delicada engrenaxe.
O reloxo era un complemento de distinción e clase, tanto polos materiais que o conformaban como pola perfección e dificultade do seu mecanismo.

En segundo plano, á esquerda e cara arriba, pódese observar un complemento de exclusividade: trátase dunha tiara-diadema napoleónica que se empregaba no ámbito civil e que se reservaba para actos de alta representación ou reunión social. Está datada ao redor de 1790.
No centro superior e á esquerda atópase a xoiaría dos eidos rexional e popular. Estaba destinada a actos, reunións sociais ou festas de carácter local e rexional, e era un signo de prestixio. Estas xoias, no caso de Galicia, están compostas por elementos decorativos de filigrana, entre os cales podemos observar “sapos” para lucir no peito, cos seus pendentes a xogo, arracadas etc. As expostas aquí pertencen aos séculos XVIII e XIX.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad