
O “gagates” da Antigüidade clásica grega (polo seu achado no río Gagas) é en Santiago de Compostela, baixo o nome xa clásico de acibeche ―derivado do árabe―, un dos materiais indisolublemente unidos á peregrinación xacobea e mais á cidade de Santiago. Historicamente, ao acibeche outorgáronselle propiedades máxicas e protectoras, sendo esa unha das razóns de que sobrevivise no tempo. A unha primeira fase na que se empregaba como amuleto protector de uso en pezas de pequenas proporcións, seguiulle un segundo período no que este carácter protector se estende a figuras decorativas de maior tamaño destinadas a estancias. Malia que os séculos XVI-XVII conformaron un período histórico de extensa produción, pola natureza semidura pero fráxil deste material, o número de pezas que chegaron ata nós é reducido.
En Santiago, é a finais do século XIX coa figura de Enrique Mayer Castro cando o acibeche retoma o seu anterior esplendor e comezan a recuperarse figuras de maior formato. Neste ámbito podemos observar exemplos de varios artistas: Manuel Miranda, Cástor Lata, Marcelino Pena e Ricardo Posse, entre outros, con obras que abranguen a primeira metade do século XX.
Na parte superior móstranse dous rosarios de tipoloxías diferentes dos séculos XVIII e un singular relicario octogonal, de acibeche e ámbar, do século XVII.
Juan de Arphe no seu tratado titulado “Quilatador de ouro, prata e pedras” confire ao ámbar a propiedade de que “coa súa sahumerio, foxen as cousas velenosas”, escorrenta os malos espíritos.