


Denominamos deste xeito un grupo heteroxéneo de obxectos de uso privado dos deáns composteláns que habitaron a coñecida como “Casa do Deán”, na rúa do Vilar n.o 1. Entre eles, mencionamos o abano denominado “de alto custo” ou de “as mil caras”, en prata dourada, marfil e esmalte, que foi empregado como premio nunha rifa ideada para sufragar os gastos da realización dunha placa para o arcebispo Rodrigo del Padrón. Acompaña o abano, o manuscrito do deán co texto para as papeletas que se poñían á venda.
Era habitual, en certas dignidades eclesiásticas, decorar os zapatos con fibelas de prata, sobre todo en cerimonias de certa relevancia. Esta tradición caeu en desuso no transcurso do século XX e estas pezas convertéronse en obxectos inútiles. Acontece algo semellante co estoxo de escarvadentes de ourizo cacho, outro obxecto que deixou de ter funcionalidade.
No ámbito da ourivaría era habitual refugar aqueles obxectos pasados de moda e “reciclar” o material fundíndoo, para realizar outros de gusto ou necesidade. Tampouco era infrecuente que a escaseza de material (prata, ouro) provocase que estes obxectos terminasen no crisol (a prata e o ouro admiten “reciclaxe” ilimitada).
Resulta atractivo o pequeno vaso do século XVIII, do ourive Ángel Pedra, polo seu sinxelo e funcional deseño, e as xerras de misa barrocas coa insignia de venera na base do seu bico.