
Neste ámbito móstrase unha miscelánea de tallas de diferentes procedencias e épocas. No centro, contemplamos unha maxestade románica do século XII, que ten a súa orixe nas tallas bizantinas. Trátase dunha imaxe de Cristo que gañou difusión en Italia nos séculos X e XI, desde onde chega a España, estendéndose pola Coroa de Aragón nun curto espazo de tempo.
A imaxe representa a Cristo vivo, sen sinais de sufrimento. É un Cristo que observa desde a cruz en actitude protectora, vestido cunha túnica que lle chega ata os pés, que están espidos. O Cristo aquí representado mira de fronte, con aspecto sereno, e algúns restos de policromía infórmannos de que na súa decoración orixinal se empregou a cor vermella. A imaxe esta tallada en madeira de chopo. Polas súas dimensións e época pertence ao ámbito da talla coñecida como Cristo do Cid ou Cristo das Batallas, e forma parte da tipoloxía de cristos de oratorio destas dimensións.
Á súa esquerda atópase unha lipsanoteca (relicario), tamén do século XII.
Á dereita, unha talla dos séculos XV-XVI de Santiago peregrino, nunha tipoloxía pouco habitual: porta na súa man dereita o libro sacro e a súa man esquerda está en posición de bendicir, feito este último que lembra o Santiago peregrino de Santa Marta de Tera, tamén “bendicindo” coa esquerda. Podería interpretarse que esa man suxeita o bordón á maneira do Santiago peregrino da igrexa de Puente la Reina, pero non se observa na talla que estea inclinada cara adiante; ademais, o bordón suxeito desta forma é pouco común ―se ben é certo que ambas as versións son pouco habituais―. Por último, o chapeu está suxeito por un cordón ben visible, ao xeito das dignidades eclesiásticas do século XV.
Ao seu carón, a imaxe do “Santo Neno de Atocha” da cidade de Plateros, no Perú, lugar onde se atopaba unha famosa mina de prata. O neno, entronizado, leva nunha man un cestiño e na outra un bordón. Está vestido de peregrino, segundo reza a tradición, pola misión que cumpriu de acudir todas as noites a alimentar os presos sen fillos menores que o puidesen facer, pois eran eles os únicos admitidos na prisión para tal fin.
A imaxe, de marcado carácter colonial, é de principios do XIX, unha das máis antigas que, por distintos avatares, chegou ata nós.
Á esquerda, unha talla hispanofilipina do século XVIII que representa a Virxe do Carme con Neno en estufado de ouro e marfil, con senllas coroas de prata e escapularios.
A época de apoxeo dos marfís hispanofilipinos tivo lugar entre os séculos XVII e XVIII. Trátase de obras elaboradas por artesáns chineses, os sangley, que van tornando nas súas producións os trazos orientais por occidentais. Así, as pezas máis antigas mostran un marcado carácter orientalizante, sobre todo, nos ollos e na fisionomía da cara.