
Manuel Miranda é un dos tallistas e imaxineiros composteláns máis sobranceiros de principios do século XX. Alumno e compañeiro de Francisco Asorey e, á vez, un dos profesores de Cástor Lata Montoiro, o seu labor desenvolveuse no terreo da imaxinería relixiosa; nese momento histórico as imaxes dese tipo eran as de maior demanda, e a elas dedicou o seu labor escultórico.
A esencia do seu traballo e personalidade aprécianse na colección de bosquexos preparatorios que acubilla esta Colección, nos que se observa a destreza no manexo do esbozo e das formas, mostrando con todo a intuitiva delicadeza e expresividade dos trazos en cada figura. As súas obras esténdense por distintos lugares do territorio nacional, aínda que o seu labor foi discreto e escasamente recompensado, como lles acontecía aos máis dos artistas locais.
Sirva esta mostra dos seus bosquexos de estudo como homenaxe á súa excepcional técnica, á súa destreza no dominio dos volumes e as formas, así como á fonda sensibilidade dos seus modelados