Marfil Deidades femininas na historia

Marfil: Athenea-Tyche-Senuna (Minerva-Fortuna-Senuna)

Lar grecorromano do que, pola súa tipoloxía e posición da man en actitude de guindar unha lanza, só se coñece un referente, en bronce, no Museo Británico.
O que expoñemos está datado ao redor dos séculos I ou II d. C., e diferénciase do británico en que está executado en marfil, un material moi infrecuente na época. Os atributos de ambas as figuras son idénticos, malia que a súa vestimenta difire. A aquí presentada esta ataviada cun peplum cinguido cun cinto, mentres que a británica leva un imation, con caída no centro.
A deusa Senuna ―ou Sena― era venerada como unha deidade asociada á fertilidade, á abundancia e aos aspectos enriquecedores da vida. O seu papel estendeuse alén do eido espiritual, xa que tamén era considerada protectora e guía da comunidade; así mesmo, disque estaba relacionada coa curación e as augas.
O achado no ano 2002 da deusa celta Senuna, que presenta similitudes tipolóxicas coa dobre deidade grega Athenea-Tyche ―para os romanos Minerva-Fortuna―, permítenos como hipótese construír esta trindade Athenea-Tyche-Senuna (Minerva-Fortuna-Senuna), que serviría de nexo entre ambas as relixións, en manifestación dun claro sincretismo. Senuna como alter ego de Athenea-Tyche (Minerva-Fortuna).
Entre os obxectos e exvotos atopados no santuario inglés da deusa Senuna (Sena) en Hertfordshire, un ten a seguinte inscrición: DSE SERVANDVS HISPANI V S L (“Servandus Hispani cumpriu de bo grado o seu voto á deusa”); este feito vincúlaa co coñecemento ou o culto nunha parte do territorio hispano a esta deusa celta. En, polo menos, unha inscrición faise referencia a Senuna como Sena.

 

Deidade ibera

É esta unha figura excepcional por varias circunstancias. En primeiro lugar, polo material no que está executada e, en segundo termo, pola imaxe que representa.
Respecto ao material, cómpre advertir que as figuras desta índole, deidades ou damas oferentes, realizábanse, nestas dimensións, ben en terracota, ben en bronce fundido, pero non se coñecen imaxes deste tipo en marfil, por tratarse, entre outras cousas, dun material realmente excepcional nesa época e contorna. No referente á imaxe que representa, podería ser unha dama oferente, pero nese caso portaría, por exemplo, un vaso de ofrendas.
A peza que temos fronte a nós aparece con túnica ata os pés, deixando entrever unha parte mínima destes. Só aparece ao descuberto o seu rostro. As súas mans están ocultas pola túnica e, sobre esta, obsérvase un obxecto circular: un espello?, a representación da lúa chea? Doutra banda, existe na cultura ibera unha deidade, Noctiluca, que está asociada á noite e á lúa, á que os celtiberos lle
rendían culto nas noites de lúa chea.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad