Marfil e téxtiles Arte relixiosa

Este ámbito contén dous tipos de elementos de carácter cristián: por unha banda, o marfil que provén de Oriente e, por outra, os téxtiles con orixe na arte copta.
Enténdese por arte copta a desenvolvida en Exipto a partir dos séculos III-IV d. C (período paleocristián), cunha clara influencia mixta grecorromana, aínda que tamén da arte siria e de Oriente Próximo. No 332 a. C., Alexandre Magno conquista o país do Nilo e principia un proceso de substitución do exipcio polo grego.
Tras a ocupación romana do territorio, unha nova influencia mestúrase na arte. Así pois, a arte copta é a dos exipcios que adoptan o cristianismo nesa sociedade grecorromanizada.
As primeiras expresións artísticas en materiais téxtiles son dun sutil carácter grego; emprégase a cor negra, a branca e, circunstancialmente, a amarela nas súas elaboracións, para pasar máis adiante a incluír un ámbito cromático máis amplo. Os elementos decorativos están formados por esquemas xeométricos, acompañados por figuras humanas e de animais, tanto da contorna como simbólicos. Estes tecidos acháronse en enterramentos, pois formaban parte do vestiario mortuorio.
Os tres fragmentos que aquí se expoñen pertencen aos séculos IV-VI da nosa era e formaban parte da decoración de túnicas e dalmáticas. Esta decoración, coñecida como clavi, caracterízase pola súa distribución en bandas nas prendas, elaboradas con la, liño e ocasionalmente seda.

A navegación española e portuguesa no século XVI amplía as fronteiras de Europa desde moitos puntos de vista, e o artístico é un deles. Unha consecuencia será a reincorporación dun material que tivera especial relevancia nas manifestacións da arte do pasado, desde tempos remotos, e polo que nese momento se perdera interese: o marfil. Son as posesións asiáticas de España e Portugal as que o devolven á historia da arte. A España chega desde Filipinas e a Portugal, desde a India e África.
Os habitantes de orixe chinesa nas Filipinas, coñecidos como sangleyes, que posuían a cultura e habilidade do traballo neste material, serán os que elaboren as pezas, eminentemente relixiosas. É por iso que as primeiras producións teñen un marcado carácter oriental nos seus trazos, que irá occidentalizándose co transcurso do tempo. As producións desta arte, coñecida como hispanofilipina, serán transportadas entre Filipinas e a Nova España polo chamado “Galeón de Manila”. Pola súa banda, e en paralelo, en Portugal prodúcese un fenómeno similar; trátase tamén de esculturas eminentemente relixiosas e a súa arte é coñecida como indoportuguesa.
Neste ámbito podemos observar obras de ambos os estilos.

 

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad