
Dentro das artes decorativo-suntuarias, dous materiais xorden como novidade en Occidente nos séculos XVII-XVIII: o vidro con alto contido en chumbo, que tomará prestado o nome de “cristal”, e a porcelana.
O secreto da porcelana, coñecida en Oriente e cobizada e envexada en Occidente, desvélase nesas datas en Europa; en concreto, atribúese a Ehrenfried Walther von Tschirnhaus a invención da porcelana no vello continente (1708), e as primeiras fábricas comezan a se instalar con patrocinios reais.
Respecto ao vidro con alto contido en chumbo, acontece algo similar. Atribúese a George Ravenscroft (1618-1681) a inclusión de chumbo ao vidro de potasa. Este proceso outórgalle unha dureza e transparencia que o asemella en brillo e lustre aos cristais naturais, concretamente ao cristal de cuarzo, material de alta dureza que se traballaba mediante talla. O vidro pódese conformar mediante proceso de fusión e posteriormente, se se desexa, pode ser tallado. Tamén estas primeiras fábricas son esencialmente de patrocinio real.
Observamos neste ámbito dúas xerras de cristal de La Granja de San Ildefonso do século XVIII; unha serie de obxectos domésticos en vidro do XIX procedentes do pazo do Tumbiadoiro; e unha peza de “cristal” moldeado de René Lalique (ca. 1920).
En porcelana podemos contemplar tres exemplos: unha bailarina de porcelana de Baviera de clara influencia art decó; un grupo de baile de porcelana da Saxonia do século XIX ao gusto romántico e, por último, unha pastora de porcelana austríaca, de Ernest Sperlaeken, de finais do XIX de carácter naturalista e bucólico.
Ambos os materiais destinaranse co paso do tempo para crear obxectos tanto con funcións decorativas como de uso.