Reloxería Esmaltes

Recóllense neste espazo unha serie de reloxos datados entre os séculos XVII e XIX, de dúas tipoloxías e diferentes usos. A primeira delas é a representada polos reloxos ingleses chamados “de lanterna”; a segunda inclúe os de peto, para cabaleiro, e prendedor, para dama. Todos eles en ouro e prata. Dentro destes variados tipos, hainos con son; outros, con marcaxe de punteiro para uso médico; outros, con esferas múltiples para dúas latitudes, estes de grande utilidade para mariños e navegantes; e os demais, para uso habitual.
Nesta época o reloxo era un elemento distintivo e de prestixio, o seu valor material e tecnolóxico facíano exclusivo de certa posición social, polo que a súa construción era esmerada e os materiais empregados, nobres.
No lado dereito do ámbito móstrase unha representación de dous usos diferentes: un esmalte de oratorio privado e outro decorativo doméstico; o primeiro, en marco de prata, está datado en 1556 e é de manufactura de Limoges. O marco que o contén é obra do taller de Ángel, con deseño de Ángel
e feitura de Ricardo de la Iglesia.
Os esmaltes de Limoges pasan por dúas etapas principais: a primeira ten lugar no século XII e emprégase a técnica champlevé, que consiste en encher os ocos provocados no metal con esmaltes coloreados; na segunda, ao redor de 1500, utilízase a técnica do esmalte debuxado e decorado sobre lámina de cobre. Nesta fase represéntanse motivos relixiosos e profanos, destinados a obxectos decorativos.
O que presentamos amosa os desposorios da Virxe, en iconografía e vestimentas coetáneas á época de produción da peza. Na imaxe, un bispo oficia o desposorio.
A partir do século XVII decae o interese por eles, declive que continúa durante a seguinte centuria coa novidosa aparición, en Europa, da porcelana. É no XIX cando se volve recuperar a importancia capital destes esmaltes, malia que moitos deles xa se perderon; de feito, as importantes coleccións de Limoges atópanse hoxe en día repartidas en distintos museos.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad