Roma

Agnus Dei

Desde os tempos de Amalarius, ano 820, en adiante atopamos o uso frecuente do agnus Dei, que se elaboraba coa parte non consumida do cirio pascual vaticano do ano anterior ―o que contemplamos nesta exposición é unha reliquia vaticana en cera virxe do papa Inocencio XI―.
Tamén sabemos por Ennoldius, ano 510, que os anacos do cirio pascual eran empregados como protección contra as tempestades e as queimaduras; ademais, en períodos posteriores eran xeralmente enviados polos papas como agasallo aos soberanos e a personaxes de especial distinción.
O cirio pascual é unha candea de cera pura de abella de amplas proporcións que se instala nos templos e se bendí na Vixilia Pascual do Sábado Santo. Permanece aceso en determinadas actividades relixiosas durante o ano litúrxico. Transcorrido o ano, a cera non consumida do cirio pascual vaticano adquiría o carácter sacro de reliquia, e con ela se elaboraban estas pezas na mañá do Sábado Santo, que eran bendicidas polo papa. Os agnus Dei realizábanse no 1.o e 7.o ano de pontificado. O aquí exposto indícanos que pertence ao de Inocencio XI no seu 7.o ano, que se corresponde con 1683. Inocencio XI foi o papa que organizou a liga Santa co obxecto de frear o avance turco en Europa, e é nese ano de 1683 cando se produce a derrota otomá en Khalenberg.
A cera representa a carne virxe de Cristo, e pintar ou adornar xenuínos agnus Dei para destacalos foi estritamente prohibido por varias bulas papais.

 

Libros prohibidos

Na sesión XVIII do Concilio de Trento, celebrada o 26 de febreiro de 1562, exprésase a necesidade de elaborar unha listaxe de libros prohibidos, Index librorum prohibitorum, como complemento á censura previa que xa establecera en 1515 León X e coa intención de unificar distintos índices que, por seren locais, non abranguían toda a cristiandade católica. O aquí exposto corresponde a unha edición veneciana de 1672.

 

Selo de Lucio III

En 1184 o papa Lucio III convocou o Concilio de Verona, no que se promulgou a constitución Ad abolendam; esta condenaba as herexías cátaras, valdenses e arnaldistas, e converteuse nun instrumento eficaz contra calquera forma de indisciplina fronte á ortodoxia católica, decretando que o castigo físico dos herexes lle correspondía á autoridade laica; deste xeito, Ad abolendam converterase no embrión do futuro Tribunal da Santa Inquisición.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad