Santiago

Este ámbito amosa un peregrino xacobeo exento, unha talla de peregrino de vulto redondo das que non é habitual atopar referencias e que porta como insignias 2 vieiras no chapeu e 3 na súa capa-esclavina.
O número 3 significa trindade e perfección; así, no tombo B da catedral compostelá podemos ver a Santiago cabaleiro levando un estandarte con tres vieiras, e no Museo Nacional del Prado, o Santiago entronizado do século XV que mostra a insignia tamén de tres vieiras.
Como relevos, abonda con lembrar o peregrino de medio vulto da portada occidental da igrexa de Vallejo de Mena (Burgos), ou o grupo de peregrinos da ábsida da igrexa de Santiago de Turégano (Segovia).
Nunha pequena “petaca” de pergameo atópanse dous salvocondutos de 1632 correspondentes a senllos peregrinos franceses: Arnaldo de Tenen e Arnaldo de Tondi. Nun deles, Arnaldus de Maytie, bispo de Oloron, comunica que Arnaldo de Tondi ten intención de visitar os templos sacros do divino Santiago, en Compostela, e de Santa María, nai de Deus, chamada Virxe de Montserrat, e roga que se lle dea acubillo, axuda e protección ao peregrino, á vez que afirma que se trata dun bo cristián. O segundo salvoconduto está asinado por Guillerme de Forcade, presbítero, reitor da parroquia de Gurs, da diocese de Olorón no Béarn, e nel expresa o seguinte: “Fago saber e testemuño que, cando o meu dilecto Arnaldo de Tenen, da antedita parroquia, expoña a súa intención de ir ao templo dedicado ao divino Santiago en Compostela e desde alí á capela consagrada á santa Virxe María de Montserrat…, séxase caritativo con el”.
Expóñense tamén distintos emblemas dos séculos VII ao XVII con cunchas de vieira como símbolo. Entre eles atópanse varias tipoloxías que os peregrinos xacobeos portaban como atributo ou salvoconducto.
Pódese observar unha lámpada bizantina do século VII, que lembra a estrutura da cruz de Santiago.
Ao pé do peregrino xacobeo exponse un “Sigilum Regis” pendente, en chumbo, do rei Fernando III, que peregrinou a Compostela en 1232 canda a súa esposa, Beatriz de Suabia. A roda (selo) como signo real é introducida na Península polo arcebispo compostelán Diego Xelmírez e posteriormente adoptada polos monarcas casteláns.
Atópanse neste ámbito varios impresos relativos a Santiago e a peregrinación de entre eles o titulado A Ditosa Peregrina, Santa Brígida de Suecia, tres veces peregrina a Santiago, na súa edición de Lisboa de 1714.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad