

A Terra Santa por antonomasia é Xerusalén, lugar de referencia para a cristiandade, que se converte en símbolo como consecuencia da viaxe realizada pola que pasará á historia como santa Helena, nai de Constantino I. Ambos os dous abrazarán o cristianismo, que se converte en relixión de estado, o que cambiará o devir desta cidade e por extensión de Occidente.
Como Cidade Santa, Xerusalén xerou ao redor de si o desexo de posesión de todos aqueles que, dun ou doutro xeito, se sentían vencellados á súa historia. Asemade, a visita aos Santos Lugares foi un acontecemento imparable e, froito desa devoción, xurdiron unha morea de obxectos que os visitantes desexaban levar á súa volta ao seu lugar de orixe pola súa condición de reliquia e recordo.
Podemos contemplar neste ámbito aqueles que espertaron maior interese e, entre eles, os realizados en nácara. A insignia franciscana figura en varios, por ser esta a orde que se encarga, para a relixión católica, da custodia do lugar.
Tamén se pode observar o libro titulado El devoto peregrino, viaje de Tierra Santa, na súa edición de 1705, texto que, cunha chea de gravados, actuou de guía e motivación para peregrinos.
Entre as pequenas pezas pódense ver: unha lámpada bizantina cuxo perfil remeda a insignia da cruz de Santiago e unha cruz pendente, dos cruzados, datada no século XII.