Compostela no século XIII

A finalización da Catedral de Santiago no ano 1211 fixo posible a definición total da urbe medieval que significaba a meta dos camiños de peregrinación que ata aquí chegaban.

O elemento máis determinante foi, sen dúbida, a muralla de practicamente dous quilómetros de perímetro que delimitaba os lindes da urbe. Servía de protección, conectaba a súa poboación cos campos do arredor e xestionaba entradas e saídas de mercancías, axuntando así tarefas de defensa con aspectos políticos e económicos.

Contaba en total con sete portas que conectaban co exterior e que conformaron os eixos de crecemento urbano, das que destacaban especialmente tres polo seu trazado directo cara a Catedral: Porta do Camiño, Porta Faxeira e Porta de Mazarelos.

A meirande parte da poboación era campesiña e dedicábanse a traballar os campos exteriores á muralla, polo que a fonte económica da cidade era, propiamente, o seu inmediato entorno a extramuros. Con todo, e como se observa na reconstrución dixital, non había unha clara separación de actividades entre o urbano e o rural, pois o interior da muralla se caracterizaba tamén por gardar amplos espazos destinados ao cultivo e aos animais. Do mesmo xeito, a altura das edificacións estaba supeditada ao muro defensivo, e xa que superar as súas dimensións supoñía unha ameaza para a seguridade do interior, as casas de madeira que conformaban a cidade de Santiago acostumaban ser dunha ou dúas alturas, sendo excepcionais os casos de tres.

A conclusión da sé apostólica permitiu a edificación dos conxuntos arquitectónicos que a envolven: polo lado norte o pazo episcopal e, polo sur, o claustro medieval. Co crecemento da cidade foron diferenciándose os distintos espazos segundo as funcións que desempeñaban, de xeito que as inmediacións da catedral, onde hoxe existen as catro prazas principais, quedaron liberadas para dar acceso ás distintas portadas da basílica. Destaca aquí o espazo arredor da cabeceira da igrexa medieval -oculta na actualidade pola posterior reforma da Praza da Quintana- coa xustaposición das numerosas capelas que abrazan o altar maior no interior e o característico testeiro do exterior da Capela do Salvador.
O remate da catedral medieval non significou o seu estancamento como edificio vivo, pois as obras destinadas a enriquecela e transformar o templo inicial non deixaron de sucederse, tal e como amosa o arranque do gran proxecto, nunca rematado, de cabeceira gótica, emprendido a mediados de século XIII, que se pode apreciar envolvendo a ábsida románica.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad