Presentación
A Fundación Catedral de Santiago, co soporte da Deputación provincial da Coruña, desenvolveu no ano 2024 o proxecto Historia Pinxit. Espazos, temas e personaxes da pintura da catedral compostelá, centrado no estudo, catalogación e difusión dunha das coleccións catedralicias menos coñecidas pero que permite realizar, a través dos exemplos conservados, un completo percorrido pola historia da pintura en Galicia desde a Idade Media ata a época contemporánea con exemplos destacados procedentes de encargos, legados, doazóns e adquisicións realizadas pola Igrexa compostelá ao longo dos séculos.
A época medieval céntrase principalmente nas miniaturas dos códices iluminados conservados no Arquivo catedralicio, entre eles, o Tombo A ou o Códice Calixtino; así como nalgúns testemuños de pinturas murais de conxuntos desaparecidos co paso do tempo, caso da Torre do Arcebispo Gómez Manrique.
O século XVI, iniciado en mestres de tradición hispano-flamenca supuxo a chegada do Renacemento, con interesantes pinturas murais conservadas nalgunhas capelas da catedral, caso de Sancti Spiritus, Prima ou San Pedro; xunto con exemplos autores como Maestre Fadrique, Pedro Nobre ou Sixto de Frisia, ata chegar ao manierismo coas pezas do aragonés Juan Baustista Celma; ou con pezas especialmente singulares como o Gallardete de Lepanto. Desta época tamén aparece a pintura en documentos conservados no Arquivo, caso de bulas, privilexios e ejecutorias.
A época barroca e o seu epílogo clasicista contan coas destacadas figuras de quen, tradicionalmente, foron considerado os dous grandes pintores da catedral compostelá: Juan Antonio García de Bouzas e Gregorio Ferro, pero tamén se conta con pezas dalgúns dos discípulos do primeiro, en torno ao cal se configurou unha primeira fornada de pintores composteláns, entre eles Manuel Arias Varela, Domingo A. de Uzal ou Couselo do Villar. Xunto a eles, áchanse interesantes exemplos de pintura internacional, con mestres como Guido Reni ou o mexicano Morlete.
Por fin, o período contemporáneo iníciase en plena crise da cidade de Santiago, a mediados do século XIX, con algúns encargos para reformas de espazos da catedral e vive o seu momento culminante nas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX da man dun acontecemento excepcional, como foi o redescubrimiento do sepulcro apostólico en 1879, que permitiu o rexurdimento das peregrinacións xacobeas e de artistas composteláns como Modesto Brocos, Juan Luis ou Tito Vázquez que se encargaron de realizar pezas relacionadas con esa revitalización de Compostela. A eles sumouse recentemente un gran mestre da pintura como Raimundo de Madrazo, quen para a súa primeira obra documentada elixiu, precisamente, unha escena da tradición xacobea.
