Organización
O Mestre Mateo concibiu unha obra grandiosa en substitución do coro realizado polo Arcebispo Diego Xelmírez: destinou os tres primeiros tramos da nave central ó cadeirado, organizado en dous niveis de 36 sitiales cada un, sendo o inferior un simple banco continuo, que se distribuían segundo unha orde xerárquica. A cabeceira ou trascoro, no cuarto tramo, contaba no centro coa única porta de acceso ó cadeirado. Regulaba o cerimonial de uso do coro, e nos seus laterais dispoñíanse pequenas capelas funerarias que foron cambiando co paso do tempo.
Sobre elas existía unha tribuna chamada “leedoiro”, desde onde se dirixían as lecturas aos fieis.
A organización espacial do coro compostelán como un auténtico “templo dentro do templo” foi pioneira na posterior tradición de coros hispanos.
Fachadas exteriores
As fachadas laterais eran unha sucesión de arcos que evocaba “unha muralla grande e alta”, coroada por relevos arquitectónicos en forma de torreóns alternados con arcos de medio punto onde se situaban as imaxes de profetas, apóstolos e personaxes bíblicos, como metáfora da “Xerusalén Celeste”.
Na cabeceira do coro, estas arquerías abríanse creando espazos interiores para capelas e enterramentos.
Trascoro
O trascoro rexía o cerimonial de uso do coro e na súa parte alta existía unha tribuna, chamada leedoiro, dedicada fundamentalmente a dirixir as lecturas das cerimonias aos fieis. Sería similar aos jubé das catedrais francesas.
A fachada do trascoro estaría presidida por un tímpano cunha Epifanía do cal non se conservan máis que algunhas referencias documentais. Non conservamos tampouco o relevo da Anunciación que, segundo os estudos dos profesores Otero Túñez e Yzquierdo Perrín, estaría situado no lado dereito. Finalmente, a escena completaríase cun relevo do Cortexo dos Reis Magos no lado esquerdo, peza que pode ser visitada no Museo Catedral.
Cadeirado
Os cadeirados alto e baixo estaban formados por trinta e seis prazas cada un deles, repartidas segundo unha orde xerárquica e postos fixos, de maneira que cando o prelado asistía ás celebracións relixiosas, ao non contar cun asento específico para el mesmo, todos os membros debían retroceder un posto no coro.
A parte baixa, máis sinxela, consistía nun simple banco continuo onde cada sitial sepárase por columniñas e diferentes plafóns floreados, mentres que a parte alta estaba máis elaborada e cada sitial enmarcábase nunha estrutura arquitectónica, coroado por cresterías e posiblemente complementados con coxíns e outros elementos para facelos máis cómodos.
Na crestería concentrábase a maior parte da decoración, con doseis nos que se representaban motivos arquitectónicos, como arcos trilobulados alternados con detallados torreóns, que encerraban sereas e seres do bestiario medieval, en alusión aos vicios vencidos pola virtude dos nenos, representados extramuros enmarcando cada pano. Estes mozos do coro represéntanse imberbes e con peiteados acaracolados que caen sobre os ombreiros, lembrando aos modelos do Pórtico da Gloria.
Reconstrucción
No ano 1604 prodúcese o derrubamento do Coro do Mestre Mateo para proceder á súa substitución por un novo, realizado en madeira, encargado aos mestres Xoán Davila e Gregorio Español. Tras esta decisión, en 1605, o historiador Castellá Ferrer afirmaba que “se desfixo o máis lindo coro antigo de España”. Moitas das súas pezas foron reutilizadas como materiais de construción noutras obras realizadas na catedral, o cal posibilitou a súa recuperación no ano 1978, así como o seu posterior estudo e proxecto de reconstrución por parte dos profesores Otero Túñez e Yzquierdo Perrín.
En 1985, levouse a cabo a montaxe de tres sitiales con motivo da exposición de Europalia 85, “Santiago de Compostela, 1000 ans de Pélegrinage Européen”, celebrada en Gante. Posteriormente, en 1990, publicouse unha monografía cos resultados da investigación sobre o coro e finalmente, entre 1995 e 1999 levouse a cabo a montaxe de 17 dos 36 sitiales que conformaban esta peza, ademais dun fragmento da cerca exterior da mesma, nunha nova sala do Museo Catedral. O proxecto contou co mecenado da Fundación Barrié e caracterizouse pola aplicación de criterios de máximo respecto no tratamento dos fragmentos orixinais e reversibilidade nas reintegracións. Recuperouse así a memoria dunha obra clave no proxecto de Mateo na catedral.
