Cripta
A cripta do Pórtico da Gloria, ademais de servir como solución ao desnivel do terreo, preséntase como unha antesala imprescindible na comprensión do proxecto iconográfico do Mestre Mateo. Como nivel inferior ao Pórtico, representa o mundo terreal a través de elementos arquitectónicos repletos de vexetación e animais, xunto con dous anxos astróforos situados nas claves da bóveda do pseudotransepto que portan un Sol e unha Lúa.
Organízase ao redor dun piar de oito columnas acaroadas sobre o que se levanta o parteluz do Pórtico na planta superior. O seu deambulatorio, igual que o catedralicio, ten unha capela central de maior tamaño que as laterais, planta rectangular e testeira cun arco de medio punto peraltado flanqueado por dous arcos en mitra.
Actualmente, a cripta do Pórtico é un espazo musealizado, non obstante, o seu uso variou ao longo dos séculos. Aínda que nun inicio puido plantexarse como Panteón Real, nunca chegou a empregarse como tal. A súa apariencia exterior modificouse por primeira vez a mediados do século XIII, cando se levantou un pequeno nártex que aliñou a cripta coas dúas torres occidentais e, na mesma data, dispúxose aquí unha imaxe de Santiago o Menor de clara influencia mateana, polo que é probable que o culto ao “outro” Santiago estivese reservado a este lugar.
Baseamentos
Nos baseamentos do Pórtico da Gloria aparecen representados grifóns, leóns, osos e outras bestas, dotadas na arte medieval dunha connotación negativa. A súa presenza tivo diversas lecturas, entre elas, o episodio das catro bestas descrito polo profeta Daniel. Nun dos baseamentos represéntase o castigo ao Rei Nabucodonosor.
Baixo o parteluz obsérvase un personaxe barbado, sostendo as fauces de dous leóns, que podería identificarse como Sansón, Gilgamesh, Adán ou, en consonancia co posible programa dos baseamentos, ca pasaxe de Daniel na fosa dos leóns.
A figura imberbe axeonllada no reverso do baseamento, que desprega unha cartela na man esquerda e leva a dereita ao peito, identifícase co autorretrato do Mestre Mateo ofrecendo a súa obra a Dios.
Primeiro corpo de columnas
No primeiro corpo de columnas atopamos unha combinación do uso de granito e mármore, apreciándose un coidado traballo coa técnica do trépano. O fuste situado no piar da esquerda do arco central do Pórtico correspóndese coa Antiga Alianza e representa, entre outras escenas, o Sacrificio de Isaac como unha prefiguración do martirio de Cristo.
A primeira das columnas do piar dereito do arco central presenta, dispostos en sentido helicoidal, unha serie de relevos rodeados de vexetación. Os personaxes parecen incorporarse, polo que se interpreta esta representación como a Resurrección dos mortos, temática que encaixaría co Xuízo Final do arco dereito e coa Salvación do Home no tímpano.
Nos capiteis altérnase a decoración vexetal coa figurada, a través de representacións de animais reais e fantásticos.
Estatuas-columna
Unha das aportacións do Mestre Mateo foi a modificación do canon arquitectónico correspondente co resto da catedral ao superpoñer dúas ordes de columnas e introducir no superior as estatuas-columna propias dos portais franceses da época.
Nos piares do lado esquerdo do arco central represéntanse os profetas do Antigo Testamento, seguindo o discurso iconográfico do Pórtico: Moisés, Isaías, Daniel e Xeremías. Os seus rostros aparecen individualizados, coincidindo cas descripcións que se fan deles na Biblia e no Ordo Prophetarum. A secuencia de estatuas-columna situadas no lado dereito do arco central correspóndense cos apóstoles Pedro, Pablo, Santiago o Maior e Xoán.
Sobre as estatuas-columna dos arcos laterais, a súa identificación resulta complexa, pois ademais de non conservar os textos das súas cartelas, carecen de atributos claros para a súa identificación. Con todo, crese que baixo o arco esquerdo e de acordo ca súa temática centrada na Antiga Alianza, continuaríase ca sucesión de profetas iniciada no piar do mesmo lado do arco central, cas figuras de Habacuc, Ezequiel, Malaquías e Oseas.
Baixo o arco dereito, daríase continuidade á serie de apóstolos iniciada no piar dereito do arco central e, segundo diversas teorías, están representados Andrés, Santiago o Menor, Felipe e Tomás.
A antiga alianza: arco esquerdo
O arco esquerdo divídese en dúas arquivoltas que representan ás tribus de Israel e o descenso de Cristo ao limbo para rescatar aos Xustos. No lateral dereito, figuras caracterizadas como nenos son portadas por anxos cara ó tímpano central, representando así aos resucitados que disfrutarán da Gloria tras a Segunda Vinda de Cristo.
Xuízo final: arco dereito
No arco dereito represéntanse aos benaventurados e aos condenados separados, no centro, polas figuras de Cristo e San Miguel. Mentres os anxos axudan aos benaventurados a pasar desde as arquivoltas do lado dereito á Gloria do arco central, os condenados son sometidos a diversos castigos polos seus pecados por parte de demos con rostros monstruosos.
O parteluz
Na columna central do parteluz represéntase a dobre natureza de Xesucristo: a humana e a divina.
No fuste da columna represéntase a Árbore de Xesé, figura que aparece recostada na parte inferior e da que parten, entre as pólas e en disposición vertical, o resto de figuras. Entre os personaxes podemos distinguir as figuras bíblicas de David e Salomón, para expresar o vínculo de Cristo con estes reis hebreos. Amósanse mais personaxes bíblicos, desde Samuel, Ezequiel, Santa Ana… ata María, cuxa imaxe remata o conxunto sen chegar a ser tocada polas ramas, mostrando así o seu carácter virxinal.
No capitel situado sobre o parteluz represéntase a natureza divina de Cristo, a través de tres personaxes. A primeira figura, Deus Pai, sentado nun trono e coroado, sostén sobre o colo a Xesús como Neno, cos brazos abertos e portando na man esquerda o Libro da Lei, mentres bendice coa dereita. Sobre a súa cabeza aparece a pomba do Espírito Santo e, a ambos lados, parellas de anxos están incensando a escena.
Rematando o conxunto do Parteluz, o Mestre Mateo dispuxo unha imaxe de Santiago o Maior que recibe aos peregrinos. Represéntase sentado sobre un trono sostido por leóns e portando o báculo en tau propio dos prelados de Compostela, significándose así como o primeiro deles. Na man dereita desprega unha cartela a través da que se afirma a súa misión apostólica nestas terras. Con esta imaxe, configurouse unha nova representación iconográfica do apóstolo, que alcanzou gran desenvolvemento e tivo a súa continuidade na figura sedente do altar maior.
Sobre a imaxe de Santiago, un capitel mostra a representación da pasaxe das Tentacións no deserto.
.
A Gloria no tímpano
O arco central está presidido por unha imaxe de Cristo en Maxestade que supón o punto culminante do discurso do Pórtico. Preséntase coroado, como Rei de reis, á vez que como home ao ensinar as chagas sufridas durante o seu martirio. A ambos lados de Cristo están os catro evanxelistas. De acordo co relato apocalíptico de San Xoán, cada figura aparece acompañada do animal alado que lle corresponde como símbolo: San Xoán cun aguia, San Lucas cun novelo, San Marcos cun león e San Mateo, o único que non leva representación animal, escribindo sobre un pupitre coma un “artista intelectual”.
O tímpano complétase cunha serie de figuras coroadas: “o pobo santo” tras o seu descenso ao Limbo e os benaventurados que superaron o Xuízo Final.
No plano inferior, una serie de anxos portan os Arma Christi. De esquerda a dereita: a columna da flaxelación, a cruz, a coroa de espiñas, os cravos e a lanza, a ánfora de vinagre, o flaxelo e a cana coa esponxa. O carácter procesional destas figuras amosa un coñecemento profundo por parte do Mestre Mateo do cerimonial propio da catedral compostelana naquela época. Ademáis, as figuras que portan elementos que estiveron en contacto directo co Salvador ensinan as mans veladas, en sinal de respecto.
Rodeando este conxunto, os vintecatro anciáns coroados prepáranse para tocar a súa música celestial na arquivolta, seguindo o relato apocalíptico. Distinguimos fídulas ovais, salterios, arpas, laúdes e un organistrum na clave do conxunto, instrumento que require a participación de dous anciáns. As figuras son representadas no momento previo ao inicio do concerto celestial, a punto de terminar a afinación dos instrumentos, establecendo entre eles miradas e diálogos.
Todo este conxunto aséntase sobre o lintel, no que se pode ler unha inscripción alusiva á data de colocación do mesmo, 1 de abril de 1188, facendo referencia tamén á autoría do Mestre Mateo, quen “dirixiu a obra desde os seus cimentos”.
Contrafachada
A contrafachada do Pórtico forma parte do seu programa iconográfico. Os personaxes representados están en relación cos textos litúrxicos do Ordo Prophetarum. Entre eles atópanse representados Virxilio, Xoán o Bautista, Balaam, a Raíña de Saba e a Sibila Eritrea.
Nos capiteis encontrámonos con diferentes figuras de animais e imaxes extraídas do bestiario medieval. Destaca tamén a imaxe do castigo ao blasfemo.
O carácter escenográfico da peza complétase coa presencia de anxos trompeteiros ocupando os arranques das nervaduras da bóveda na contrafachada e correspondéndose coa multitude de anxos que estaban arrededor do trono e dos anciáns. Orixinalmente, este espazo sacro abríase ao exterior grazas ao gran arco da súa fachada, posteriormente substituída pola actual portada barroca do Obradoiro.
Tribuna
A mensaxe salvífica do Pórtico complétase na tribuna. A luz que entraba á basílica a través da fachada occidental filtrábase ao templo, cargada de simbolismo, polo rosetón e os arcos de este segundo andar. Ca apertura de grandes vans alixeirouse o muro que finaliza a nave central e situouse a Catedral nas portas do estilo gótico, deixando entrever os avances técnicos que anos máis tarde conformarían a herdanza mateana.
Trátase dun espazo abovedado cuxa clave é o Cordeiro ou Agnus Dei. De acordo co carácter escenográfico de todo o proxecto, arrededor deste Cordeiro dispóñense catro anxos turiferarios que incensan a súa presenza. A luz, ao incidir no interior da basílica, amplifica o sentido visionario do programa apocalíptico da obra de Mateo, para convertir o templo compostelano nunha Nova Xerusalén Celeste.
