Quen é quen?

Educación primaria

O xa tradicional xogo de mesa “Quen é quen?” cambia o taboleiro cheo de personaxes polas salas do museo da Catedral de Santiago, convidando ao alumnado a descubrir quen aparece representado nalgunhas das súas pezas máis destacadas. Cun formato lúdico adaptado ao nivel educativo, a dinámica desta actividade consiste na aplicación do método iconográfico; iremos xogando con distintas iconografías comezando coa xacobea que servirá de eixo vertebrador do discurso. Fronte aos símbolos máis tradicionais que abordaremos ao final da visita, a educadora convertirase nunha peregrina contemporánea cunha mochila chea de obxectos que faciliten a formulación de preguntas arredor das pezas, identificando as imaxes e temas que as caracterizan ata chegar a súa correcta interpretación.

Actividades previas á visita

1. OBXECTOS PARLANTES
Na iconografía, a identificación dos personaxes, moitas veces realizase analizando as escenas nas que aparecen e os obxectos vinculados a eles. Diante das obras o alumnado terá que realizar este exercicio de observación e reflexión chegando a unha interpretación autónoma que logo se completará coa axuda da educadora. Para ir familiarizándose con esta dinámica propoñemos a seguinte actividade: cada alumno/-a terá que escoller un obxecto co que se identifique, algo que teña moita presenza na súa vida; os motivos da selección poden ser diversos (algo vinculado a un hobbie, unha prenda de roupa, un libro, etc.); de ser posible, levará o obxecto a aula (ou ben algo relacionado de non ser posible pola natureza do mesmo) e fará unha pequena exposición sobre o porqué da súa escolla. O día da presentación, o resto de compañeiros/-as poden dicir outro obxecto que eles/elas vinculan coa persona que está expoñendo.
2. PEREGRINANDO AO MUSEO

A segunda actividade céntrase no tema da peregrinación. Resultaría interesante que o alumnado o traballase previamente na aula, polo que lle facilitamos ao profesorado o seguinte enlace onde pode atopar máis información relativa á mesma (https://catedraldesantiago.es/peregrinacion/#peregrinacion), así como o contido presentado na guía didáctica sobre a obra Translación dos restos de Santiago á sede de Padrón, co que introducimos a lenda do traslado dos restos apostólicos e o descubrimento do sepulcro.
Con estes materiais o profesorado poderá preparar unha pequena presentación para introducir o tema e reflexionar co alumnado sobre el: conversa común para coñecer que saben da peregrinación, se alguén fixo o Camiño de Santiago, que opinan da experiencia, aspectos positivos e negativos que vinculen ao Camiño, etc.
Unha vez o alumnado esté familiarizado coa peregrinación e seguindo coa atención posta nos obxectos, interésanos que se centre na simboloxía xacobea. Para iso preguntamos se coñecen algúns dos símbolos vinculados ao Camiño de Santiago ou a Santiago Apóstolo, e unha vez presentados os coñecidos expoñemos imaxes deles e doutros dos que non se falase. Deixamos a continuación algúns exemplos.
Por último podemos facer unha listaxe común de obxectos que meterían nas súas mochilas de peregrinos/as para facer o camiño e explicando para que lles serviría.

3. DA LENDA AO MITO
Se ben nesta actividade as lendas xacobeas teñen moita presenza, non só falaremos das tradicións galegas. A mitoloxía grega e romana terá presenza a través das escenas da vida de Aquiles representadas nos tapices cos que imos traballar. O profesorado pode introducir a mitoloxía clásica na aula e presentar algún personaxe que considere oportuno tendo en conta a importancia da identificación do mesmo a través da súa representación. O personaxe protagonista no museo será Aquiles, polo que unha boa selección podería ser Hércules, outro dos guerreiros míticos que se representa normalmente coa pel do León de Nemea.

Algúns exemplos: Zeus co raio; Atenea coa armadura e a curuxa; Deméter coas espigas de trigo; Poseidón co tridente; Hércules co león; serea como ser mitológico con cola de peixe.

Actividades posteriores á visita

1. A ACREDITACIÓN DO VISITANTE
Aínda que esta actividade está enfocada ao alumnado de 1º, 2º e 3º xa que se introduce durante a visita, tamén poderá ser realizada polos demais grupos. Tras analizar in situ a caracterización e obxectos típicos das persoas que realizan a peregrinación, entre eles a credencial do/-a peregrino/-a, o alumnado terá que cumprimentar a versión de dita credencial como visitante do museo e participante da nosa actividade. Ademais de cubrir os datos de identificación, terá que completar a parte destinada na versión orixinal aos diferentes sellos que se van estampando ao longo do camiño. Nela, terá que debuxar un obxecto en cada espazo que vincule a cada peza traballada, un símbolo ou imaxe que represente a obra e que sirva como icona da mesma.
2. AUTO-RETABLO

A diferenza da primeira actividade, esta está dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º, xa que viu a peza na que nos inspiramos para ela durante a visita, sen embargo, o profesorado pode traballala na aula apoiándose na información da guía didáctica e realizala tamén cos outros cursos.
O alumnado terá que crear o seu propio retablo autobiográfico. Ao igual que no exemplo do retablo con escenas da vida de Santiago, o formato consiste en cinco viñetas nas que se terán que debuxar cinco momentos vitais que marcasen a cada neno/-a. Seguirán unha orde cronolóxica, tentando ocupar o espazo central cunha escena máis destacada que as demais, polas dimensións da representación.
Cada escena pode estar representada por un único elemento, obxecto ou idea que fale dese momento especial (unha amizade, o nacemento dun ser querido, un deporte, instrumento ou actividade que marcase ese periodo, unha viaxe, etc.) O alumnado tamén realizará a decoración ornamental do retablo, inspirándose no que viron no museo ou dun xeito libre. Tamén poderá incluir unha inscrición na parte baixa que identifique o que representou.

3. QUEN É QUEN?

Fronte ao xogo simbólico que realizamos no museo, o “Quen é quen?” volve precisar dun taboleiro nesta actividade final. A proposta consiste en que o alumnado cree os seus propios xogos dun xeito manual.

Materiais

  • Un cartón que se empregue de base
  • As imaxes impresas nunha cartoliña (descargar do apartado de Descargas)
  • Tesoiras e pegamento

Intrucións para a creación

  1. As imaxes proporcionadas deben ser impresas a cor nunha cartoliña.
  2. Recortamos cada obra xunto coa súa lingüeta, obtendo un só rectángulo no que figure imaxe e título.
  3. No cartón que usemos como base, organizamos a distribución das obras para que queden simétricas.
  4. Dobramos pola liña que separa imaxe e título e pegamos a parte escrita sobre o cartón, de tal xeito, que a imaxe quede de pé, podendo dobrala durante o xogo para ocultar os personaxes descartados.
  5. Finalmente, precisamos unha impresión a maiores das imaxes. Recortamos agora tan só a imaxe para que sirve de carta a escoller.

Explicación do xogo

Unha vez creados os nosos taboleiros, cada alumno/-a escolle unha carta ocultándolle o seu
personaxe ao resto. Comezamos a facer preguntas para adiviñar as obras dos demais. As
preguntas só poden ser respondidas con si ou non. Exemplos:

  • É unha escultura?
  • É unha pintura?
  • Esta feita en pedra?
  • Esta policromada?
  • O personaxe está coroado?
  • Está no Pórtico da Gloria?

Se a respota é negativa baixamos o personaxe coa característica preguntada. Imos descartando obras ata que tan só quede de pé a peza escollida polo/-a noso/-a compañeiro/-a.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad