Unha viaxe pola Idade Media

Educación primaria

No transcurso desta visita invitaremos ao alumnado de Educación Primaria a pasear conscientemente pola Catedral e polo Pazo de Xelmirez. Recorreremos, de xeito interactivo e comentado, a nosa historia medieval da man de Diego Xelmírez, paseando pola que foi a súa residencia e achegándonos á sua grande obra: o Códice Calixtino. Mais tamén nos achegaremos ás mulleres da época que deixaron pegada, coma Urraca, a primeira raíña Europea con poder por dereito propio, ou Margery Kempe, unha muller que se achegou a Santiago como peregrina, camiñando soa, e que nos deixou escrito o primeiro libro de viaxes realizado por unha muller

ACTIVIDADES PREVIAS Á VISITA
(1º, 2º E 3º E.P.)

1. IMAXINA A CATEDRAL

Hoxe imos a imaxinar o edificio que imos visitar nuns días.

• Pensas que é un edificio alto ou baixo?
• En que material pensas que a construíron?
• Onde cres que se atopa, no centro da cidade ou ás aforas?
• Pensas que é un edificio que está so, ou pola contra ten edificios pegados a ela?

(Para ler ao rematar a actividade) A Catedral de Santiago é o edificio máis alto da cidade cos seus case 80 metros nas torres e está construída en pedra, concretamente en granito, por iso foi quen de durar case mil anos. Ademais, ocupa un lugar central da cidade, toda ela está asentada arredor da Catedral e ten pegados dous grandes edificios, un deles chámase Pazo de Xelmírez, e tamén o visitaremos cando veñades!

2. PEREGRINANDO AO MUSEO

Pero… de qué estamos a falar cando falamos dunha “catedral”? Saberías explicalo coas túas propias palabras?
Unha catedral é unha igrexa moi moi grande, que só hai nalgunhas cidades importantes, na túa cidade ou vila hai
algunha? Nela tamén hai misas mais, como son tan grandes, normalmente teñen moitos curas e ademais veñen a velas moitos visitantes. O xefe da catedral é o bispo e, normalmente ten unha silla especial para el que se chama cátedra, (coma a que ves na imaxe) por iso, o lugar no que hai arcebispos, se lles chama catedrais.

3. QUE OBXECTOS ATOPAMOS NUNHA CATEDRAL?
Arrodea os obxectos que pensas que podemos atopar nas catedrais e logo coméntao coas compañeiras.

ACTIVIDADES PREVIAS Á VISITA
(4º, 5º E 6º E.P.)

1. QUE É NUNHA CATEDRAL

Pero… de qué estamos a falar cando falamos dunha “catedral”? Saberías explicalo coas túas propias palabras?Unha catedral é unha igrexa moi moi grande, que só hai nalgunhas cidades importantes, na túa cidade ou vila hai algunha? Nela tamén hai misas mais, como son tan grandes, normalmente teñen moitos curas e ademais veñen a velas moitos visitantes. O xefe da catedral é o arcebispo e, normalmente ten unha silla especial para el que se chama cátedra, (coma a que ves na imaxe) por iso, o lugar no que hai arcebispos, se lles chama catedrais.

2. QUE EDIFICIOS IMOS VISITAR?

Durante a nosa visita estaremos en dous lugares diferenciados: a Catedral e o Pazo de Xelmírez. Saberías explicarnos cal é a diferencia entre unha catedral e un pazo?

Unha catedral é un edificio relixioso, veralo primeiramente porque nela sempre hai cruces, son coma grandes igrexas nas que tamén hai misa e nas que hai moitos curas. Un pazo, pola contra é unha casa. A particularidade desta casa é que nela soen vivir nobres, reis, raíñas ou xente con moito poder, no caso do pazo que visitaremos proximamente, era un pazo dun arcebispo, que se chamaba Xelmírez.

3. POR QUE SE FIXO A CATEDRAL DE SANTIAGO?

A Catedral de Santiago fíxose tan grande porque a ela veñen moitos peregrinos, que é como lles chamamos a todos aqueles visitantes que veñen peregrinando a Santiago.

As peregrinacións son viaxes, individuais ou en grupo a lugares importantes. Son viaxes relixiosas, e case todas as relixións do mundo teñen peregrinacións aos seus lugares máis importantes: os musulmáns van á Meca, os xudeus a Xerusalén, os hindúes a Varanasi… Santiago é tamén un lugar importante para a relixión católica, e é por isto polo que nós tamén recibimos peregrinos, que poden vir camiñando, en bicicleta, a cabalo… de moitas formas diferentes!

ACTIVIDADES POSTERIORES Á VISITA
(1º, 2º E 3º E.P.)

1. Obradoiro de sinaturas rexias

Durante a nosa visita falámosche de moitos personaxes, coma Diego Xelmírez ou Urraca. Xa que ambos eran persoas moi importantes, tiñan tamén moitos documentos que asinar!
As sinaturas son os símbolos que temos cada unha de nós, tenta facer ti o teu propio símbolo, que será a túa sinatura para cando a precises. Podes inspirarte nos símbolos das imaxes, que son as sinaturas dalguns reis coma Urraca e mesmo a de Xelmírez.

2. AUTO-RETABLO

A diferenza da primeira actividade, esta está dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º, xa que viu a peza na que nos inspiramos para ela durante a visita, sen embargo, o profesorado pode traballala na aula apoiándose na información da guía didáctica e realizala tamén cos outros cursos.
O alumnado terá que crear o seu propio retablo autobiográfico. Ao igual que no exemplo do retablo con escenas da vida de Santiago, o formato consiste en cinco viñetas nas que se terán que debuxar cinco momentos vitais que marcasen a cada neno/-a. Seguirán unha orde cronolóxica, tentando ocupar o espazo central cunha escena máis destacada que as demais, polas dimensións da representación.
Cada escena pode estar representada por un único elemento, obxecto ou idea que fale dese momento especial (unha amizade, o nacemento dun ser querido, un deporte, instrumento ou actividade que marcase ese periodo, unha viaxe, etc.) O alumnado tamén realizará a decoración ornamental do retablo, inspirándose no que viron no museo ou dun xeito libre. Tamén poderá incluir unha inscrición na parte baixa que identifique o que representou.

3. Fai coma a peregrina Margery Kempe

Se lembras, durante a visita na Catedral falamos sobre unha peregrina inglesa chamada Margery Kempe, que
describira a súa experiencia na peregrinación nun libro, contando o que máis lle gustara da viaxe, como se sentira… Contanos ti a túa viaxe nunhas poucas liñas, logo grapade as testemuñas de todas vós e xa teredes un libro de viaxes que nos poderedes mandar!

Concéntrate do mesmo xeito que o fixo Margery nesta imaxe, onde a podedes ver escribindo o seu relato.

ACTIVIDADES POSTERIORES Á VISITA
(4º, 5º E 6º E.P.)

1. Obradoiro de sinaturas rexias

Durante a nosa visita falámosche de moitos personaxes, coma Diego Xelmírez ou Urraca. Xa que ambos eran persoas moi importantes, tiñan tamén moitos documentos que asinar!

Aquí che traemos as sinaturas dalgúns deles, proba a facer ti a túa, lembra, ao igual que Xelmírez pon na súa sinatura unha cruz, poñer algún símbolo que te identifique.

2. A túa autobiografía coma Margery Kempe

Se lembras, durante a visita na Catedral falamos sobre unha peregrina inglesa chamada Margery Kempe, que describira a súa experiencia na peregrinación nun libro, contando as súas impresións sobre a viaxe, o que máis lle gustara… Fai ti a túa propia autobiografía sobre a viaxe a Santiago e á súa Catedral.

A medida que vaias describindo a viaxe, lembra contarnos as túas impresións!

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad