Educación Infantil
ACTIVIDADES PREVIAS Á VISITA
1. AS DISCIPLINAS ARTÍSTICAS
O primeiro exercicio introdúcelle ao alumnado diferentes disciplinas artísticas vinculadas aos espazos e obras coas que traballará. A través de ilustracións, os nenos e nenas dialogarán na aula sobre a arquitectura, a escultura e a pintura, ademais de presentar outras diferentes (inclúese unha ilustración de cerámica e anímase ao profesorado a elexir outras que considere oportunas).
As imaxes seleccionadas permiten abordar as ferramentas que emprega cada profesional, os materiais cos que traballa, etc. Como faremos fincapé na escultura e na pintura, recomendamos deterese máis na aula coa arquitectura, polo que adxuntamos unha pranta da Catedral para mostrar como ferramenta e ubicar ao alumnado nos espazos que visitaremos.
Ademais de presentar o templo como edificación, pódese introducir xa a figura do Mestre Mateo ao abordar as tres labores no seu proxecto.
2. A MESTURA DAS CORES PRIMARIAS
A segunda actividade permite traballar sobre as cores primarias, as cales teñen moita presenza na policromía orixinal do Pórtico da Gloria e outras obras realizadas nese momento polo Mestre Mateo. A intención é que o alumnado identifique esas tres cores e coñeza a posibilidade crear outras novas grazas as súas mesturas, diferenciando entre cores primarias e secundarias.
Para iso proponse unha ficha na que o alumnado experimente as mesturas das cores primarias, tendo que pintar as cunchas que se suman con dúas delas e o resultado da súa unión na cuncha final.
Recoméndase o emprego de témpera líquida para a realización desta actividade.
3. OS INSTRUMENTOS E AS SÚAS FAMILIAS
O último exercicio achéganos á parte musical da visita. Na Catedral veremos os instrumentos dos 24 anciáns do Pórtico da Gloria, así como a arpa da escultura do Rei David; todos eles pertencentes á familia dos instrumentos de corda. Nesta actividade presentamos tamén a familia de vento e de percusión a través de diferentes instrumentos que o alumnado coloreará libremente (podendo aproveitar as cores creadas no exercicio anterior). A intención é que os nenos e nenas identifiquen os instrumentos e, a través da observación, os clasifiquen nesas tres familias.
Quizais o instrumento co que menos familiarizados/as estean sexa a zanfona, polo que se recomenda facer fincapé nela a través de materiais audiovisuais que faciliten o seu vínculo co organistro unha vez o vexan in situ (tanto no Pórtico como nas ménsulas do Pazo de Xelmírez).
ACTIVIDADES POSTERIORES Á VISITA
1. VOLVENDO Á PRIMEIRA POLICROMÍA
lapislázuli (azul), dourado (amarelo), vermello e verde, así como as carnacións dos personaxes.; á vez que reforzan o aprendido sobre o puntillismo da man do pintor Juan Luis. Empregando as cores orixinais crearán unha nova versión libre do Pórtico coa que reforzar a importancia das cores primarias e a disciplina da pintura vinculada á escultura e a arquitectura. Adxúntase unha ilustración en formato horizontal do Pórtico para realizar esta actividade.
2. O NOSO PROPIO PÓRTICO
- Cada alumno/a terá que crear o seu propio instrumento presente no Pórtico da Gloria.
Dependendo do nivel educativo, os nenos e nenas poderán debuxalo inspirándose nunha imaxe que teñan de referencia ou ben pintar un debuxo xa feito. Os instrumentos que portan os anciáns son: fídulas ovais, fídulas en oito, arpas, salterios, cítaras, laúdes e organistro. Unha vez finalizado recortarase o instrumento (recoméndase facelo en cartoliña). - Cada alumno/a posará sentado co seu instrumento e o profesor/a sacaralle unha fotografía individual. Tamén sacará unha fotografía da fachada do edificio da escola na que se vexa claramente a porta de acceso.
- O profesorado imprimirá a imaxe da fachada (nas dimensións que considere tendo presente a dinámica da actividade). Sobre a fachada, o alumnado irá pegando a súa fotografía, tamén impresa e recortada, formando así un “pórtico” sobre a porta de entrada do seu colexio. O formato do pórtico é libre, adaptándose á construción (semicírculo, lineal, con dobre fila de músicos, etc.)
Actividades escoitando as cores
Guía didáctica Escoitando as cores