ESO e BAC
Actividades previas á visita
1. BUSCANDO MULLERES ARTISTAS
A primeira actividade que propoñemos deberá plantexárselle ao alumnado antes de coñecer que se vai realizar a visita á catedral. A finalidade é reflexionar sobre a pouca presenza de artistas femininas ao longo da Historia da Arte; para iso cada alumno/-a terá que escoller unha obra que lle guste e da cal coñeza a autoría. Na aula compartiranse as obras seleccionadas (posiblidade de proxectalas), o motivo polo que se escolleron e a autoría das mesmas. Por norma xeral, os autores das obras seleccionadas son homes, os cales foron conformando o canon de grandes artistas ao longo do tempo. Unha vez realizado este exercicio explicarase o seu porqué comunicándolles que van vir á Catedral e introducindo a temática da visita que van realizar. Sería interesante abrir un debate libre sobre a situación da muller no mundo da arte e como poderemos abordar isto dende unha Catedral.
2. O TEST DE BECHDEL
O test de Bechdel é un método que evalúa a brecha de xénero que existe na ficción que consumimos: cine, series, teatro ou calquera produción artística. Coñécese así pola súa autora, Alison Bechdel, que no 1985 plasmou a idea deste test nunha tira cómica. Nela podemos ver como unha rapaza lle di á outra que só acepta ver filmes se cumpren tres requisitos:
- Que aparezan polo menos dous personaxes femininos con nome.
- Que as mulleres que aparezan no filme falen entre elas.
- Que a conversación que manteñan trate sobre algo distinto a un home. O cal non se limita só a relacións románticas (dúas irmás falando de seu pai tampouco pasaría o test).
Para seguir profundizando na problemática que introducimos coa primeira actividade, pediráselle ao alumnado que escolla unha das súas películas favoritas e lle apliquen este test para logo compartir os resultados na aula.
Actividades posteriores á visita
1. REVISANDO A MITOLOXÍA CLÁSICA
Unha temática que non abordamos durante a visita por cuestións temporais é a situación da muller na mitoloxía clásica. As civilizacións mantiveron ao longo do tempo un patriarcado no que a muller sempre estivo en inferioridade respecto ao home, isto vémolo claramente no Mundo Clásico, no cal a muller case non tiña presenza na vida política nin social. Nesta consideración da muller como un ser inferior, os mitos tiveron un papel de reforzo, xa que neles o xénero feminino adoitaba ser enganoso, depravado, considerado un mal, mentres que o masculino era valente e honrado, e por tanto, superior.
Na colección do museo contamos cunha serie de tapices sobre a vida de Aquiles, entre as pezas atopamos un no que se mostra a escena na que o heroe é descuberto entre as fillas de Licomedes no pazo no que se escondía para librarse de ir á guerra de Troia e así fuxir do seu destino tráxico.
Pediráselle ao alumnado que se informe sobre o que ocorre neste mito para logo na aula identificar os personaxes e explicalo conxuntamente. Haberá que revisalo cunha ollada crítica identificando cuestións que traballamos na visita. A través desta escena podemos debatir sobre os estereotipos de xénero (contido do baúl).
Tamén se lles pedirá que investiguen cal foi o motivo que desencadeou a guerra á que é chamado Aquiles. A través do xuízo de Paris e o rapto de Helena poderán abordar na aula outros temas de interese: canons de beleza, a obxectualización da muller, a naturalidade coa que os raptos e as violacións pasaron a historia a través da mitoloxía, etc.
2. PRECISAMOS MÁIS ROLDANAS
Durante a visita detémonos na obra da Virxe do Leite realizada por Luisa Roldán, apodada como “a Roldana”. A través da súa figura debatemos sobre a situación da muller na arte, facendo fincapé na ausencia ao longo do tempo e as dificultades que tiveron as artistas para abrirse camiño nun mundo reservado para os homes. Presentamos agora unha iniciativa moi interesante coa que se tenta remediar todos eses anos de silencio. “La Roldana” é unha asociación pola revisión da Historia da Arte con accións moi interesantes e necesarias como a visibilización da vida e obra de mulleres artistas decoñecidas ou o intento de incluir nos temarios educativos a mulleres artistas para a construción dunha Historia de Arte igualitaria.
Deixamos aquí o enlace a súa web e o seu nome en instagram para botarlles un ollo na aula e comentar o seu proxecto.
- Páxina web: https://asociacionlaroldana.com/
- Instagram: @laroldanaasociacion
A nosa proposta é que, seguindo o modelo das súas publicacións nas redes, cada alumno/-a escolla unha artista muller que lle guste e prepare unha breve presentación (en Power Point por exemplo) para logo expoñela na aula: presentación biográfica da artista, formación, obras destacadas, os motivos polos que lle gusta, etc. Con este actividade farán un exercicio de investigación e ao mesmo tempo aportarán o seu gran de area á visibilidade das artistas, aproveitando para coñecer outras novas.
Actividades Catedral é feminino
Caderno de Actividades para BAC
Caderno de Actividades para ESO